Unha vez determinado o importe da cota diferencial, se resulta unha cantidade para ingresar, existe a posibilidade de solicitar o inicio dun procedemento de suspensión do ingreso da débeda tributaria mediante a aplicación da devolución a que teña dereito o cónxuxe.
Desta forma, o contribuínte casado (e non separado legalmente) que estea obrigado a presentar declaración polo IRPF e cuxa autoliquidación resulte para ingresar, poderá, ao tempo de presentar a súa declaración, solicitar a suspensión do ingreso da débeda tributaria, sen xuros de mora, nunha contía igual ou inferior á devolución á que teña dereito o seu cónxuxe por este mesmo imposto.
CONDICIÓNS PARA APLICAR ESTE PROCEDEMENTO
Para poder aplicar este procedemento de suspensión do ingreso da débeda tributaria é necesario que se dean as seguintes condicións:
- Debe tratarse dun contribuínte casado e non separado legalmente obrigado a presentar declaración polo IRPF, cuxa autoliquidación resulte para ingresar.
- O cónxuxe debe presentar declaración con resultado para devolver.
- O contribuínte e o cónxuxe deben solicitar expresamente acollerse a este procedemento de suspensión do ingreso ao tempo de presentar a declaración.
REQUISITOS PARA OBTER A SUSPENSIÓN PROVISIONAL
A solicitude de suspensión do ingreso da débeda tributaria determinará a suspensión cautelar do ingreso ata que se recoñeza o dereito á devolución a favor do outro cónxuxe, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:
a) O cónxuxe cuxa autoliquidación resulte para devolver deberá:
• Renunciar ao cobramento da devolución ata o importe da débeda cuxa suspensión fose solicitada.
• Aceptar que a cantidade á que renuncia se aplique ao pagamento da dita débeda.
Considerarase que non existe transmisión lucrativa para os efectos fiscais entre os cónxuxes pola renuncia á devolución dun deles para a súa aplicación ao pagamento da débeda do outro.
b) A débeda cuxa suspensión se solicita e a devolución pretendida deben corresponder ao mesmo período impositivo.
c) Ambas as autoliquidacións deberán presentarse simultaneamente dentro do prazo xeral de presentación de declaracións.
d) Ningún dos cónxuxes poderá estar acollido ao sistema de conta corrente tributaria.
e) Os cónxuxes deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias.
RECOÑECEMENTO DO DEREITO Á DEVOLUCIÓN A FAVOR DO OUTRO CÓNXUXE
Cando a solicitude de suspensión reúna os requisitos sinalados, os efectos do recoñecemento do dereito á devolución con respecto á débeda cuxa suspensión se solicitase son os seguintes:
a) Se a devolución recoñecida fose igual á débeda:
• A débeda quedará extinguida.
• Así mesmo, extinguirase o dereito á devolución.
b) Se a devolución recoñecida fose superior á débeda:
• A débeda quedará extinguida.
• A Administración procederá a devolver a diferenza entrambos os importes.
c) Se a devolución recoñecida fose inferior á débeda:
• A débeda declararase extinguida na parte concorrente.
• A Administración tributaria practicará liquidación provisional ao contribuínte que solicitou a suspensión pola diferenza.
• Esixirase o xuro de mora calculado desde a data de vencemento do prazo establecido para presentar a autoliquidación ata a data da liquidación.
IMPROCEDENCIA DA SUSPENSIÓN DA DÉBEDA
Cando non proceda a suspensión por non se reuniren os requisitos anteriormente sinalados:
- A Administración practicaralle a liquidación provisional ao contribuínte que solicitou a suspensión por importe da débeda obxecto de solicitude.
- Ademais esixirase o xuro de mora calculado desde a data de vencemento do prazo establecido para presentar a autoliquidación ata a data da liquidación.