Cando o contribuínte que utilice o programa PADRE desexe acollerse ao procedemento de suspensión do ingreso da débeda tributaria, deberá marcar o recadro 07 do documento de ingreso ou devolución da súa declaración ou ben o número de recadro 618 no apartado Q da páxina 16 (V).
Só é posible optar por este procedemento cando o resultado da declaración (recadro 610) dun dos cónxuxes integrantes da unidade familiar sexa unha cantidade positiva (para ingresar) e, simultaneamente, o resultado da declaración do outro cónxuxe sexa unha cantidade negativa (para devolver).
Ademais, o programa tampouco permite acollerse a este procedemento de suspensión do ingreso cando se trate de declaracións complementarias.
Se se cumpren estas condicións, o programa cubrirá o apartado Q na páxina 16 de "Solicitude de suspensión do ingreso dun cónxuxe/Renuncia ao cobramento da devolución do outro cónxuxe" minorando o importe para ingresar da declaración positiva ata o máximo que permita o resultado para devolver da outra, que se verá reducido nesa mesma contía.
ATENCIÓN
É importante que o cónxuxe que renuncie, xa sexa total ou parcialmente, ao cobramento efectivo da súa devolución indique na declaración o código IBAN da conta onde desexaría recibir a devolución á que eventualmente puidese ter dereito como consecuencia das posteriores comprobacións realizadas pola Administración tributaria.