a) Ganancias xeradas ata o 19 de xaneiro de 2006
Ás ganancias patrimoniais derivadas da transmisión de elementos patrimoniais non afectos a actividades económicas, adquiridos antes do 31 de decembro de 1994, seranlles de aplicación os coeficientes redutores establecidos na Lei 18/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Para estes efectos, consideraranse elementos patrimoniais non afectos a actividades económicas aqueles nos que a desafectación destas actividades se producise con máis de tres anos de antelación á data de transmisión.
b) Ganancias xeradas despois do 19 de xaneiro de 2006
Distinguirase a parte da ganancia patrimonial xerada con anterioridade ao 20 de xaneiro de 2006 da xerada a partir desta data. Para estes efectos, a parte da ganancia patrimonial xerada con anterioridade ao 20 de xaneiro de 2006 virá determinada pola parte da ganancia que proporcionalmente corresponda ao número de días transcorridos entre a data de adquisición e o 19 de xaneiro de 2006, ambos inclusive, respecto do número total de días que permanecese o elemento no patrimonio do contribuínte.
A parte da ganancia xerada con anterioridade ao 20 de xaneiro de 2006 reducirase aplicando os coeficientes redutores establecidos na anterior normativa. A parte da ganancia xerada a partir do 20 de xaneiro de 2006 non será obxecto de redución.
RÉXIME ESPECIAL: VALORES ADMITIDOS A NEGOCIACIÓN (Directiva 2004/39/CE) E ACCIÓNS OU PARTICIPACIÓNS IIC ADQUIRIDOS ANTES DO 31-12-1994
A ganancia patrimonial obtida reducirase mediante unha das dúas formas seguintes:
a) Se o valor de transmisión é igual ou superior ao que corresponda para os efectos do imposto sobre o patrimonio do ano 2005.
A parte da ganancia patrimonial xerada con anterioridade ao 20 de xaneiro de 2006 reducirase aplicando os coeficientes redutores. Para estes efectos, tomarase como valor de transmisión o que corresponda aos valores, accións ou participacións para os efectos do imposto sobre o patrimonio do ano 2005.
b) Se o valor de transmisión é inferior ao que corresponda para os efectos do imposto sobre o patrimonio do ano 2005.
Neste caso a totalidade da ganancia patrimonial xerada reducirase aplicando os coeficientes redutores.