RÉXIME ESPECIAL DE INTEGRACIÓN (art. 25.3.a) 4 da Lei)

 

A pesar do sinalado nos parágrafos anteriores, existe un réxime especial de integración na base impoñible para as prestacións en forma de renda dos contratos de seguro de vida ou invalidez que cumpran as seguintes condicións:

-   Que se trate de prestacións de xubilación ou invalidez nos termos establecidos regulamentariamente.

-   Cando se trate de prestacións por xubilación, será necesario que o contrato de seguro se concertase, polo menos, con dous anos de anterioridade á data de xubilación.

-   Que non existise ningún tipo de mobilización das provisións do contrato de seguro durante a súa vixencia

Se se cumpren estas condicións, non serán de aplicación as porcentaxes indicadas nos parágrafos anteriores e as citadas prestacións de xubilación ou invalidez integraranse na base impoñible a partir do momento en que a súa contía exceda das primas que fosen satisfeitas en virtude do contrato.

No caso de que a renda fose adquirida por doazón ou calquera outro negocio xurídico a título gratuíto e entre vivos, a integración realizarase cando as prestacións excedan do valor actual actuarial das rendas no momento da constitución destas.