FORMA DE CUBRIR IRPF (II) > BASE LIQUIDABLE XERAL E BASE LIQUIDABLE DO AFORRO

RÉXIME ESPECIAL DE ACHEGAS Á MUTUALIDADE DE PREVISIÓN SOCIAL DE DEPORTISTAS PROFESIONAIS (DA décimo primeira da lei)

 

Os deportistas profesionais e de alto nivel poderán realizar achegas á mutualidade de previsión social a prima fixa de deportistas profesionais, coas seguintes especialidades:

 

 

ÁMBITO SUBXECTIVO

 

A condición de mutualista e asegurado recaerá, en todo caso, no deportista profesional ou de alto nivel.

 

Deportistas profesionais

 

Consideraranse deportistas profesionais os incluídos no ámbito de aplicación do Real decreto 1006/1985, do 26 de xuño, polo que se regula a relación laboral especial dos deportistas profesionais.

 

Deportistas de alto nivel

 

Consideraranse deportistas de alto nivel os incluídos no ámbito de aplicación do Real decreto 971/2007, do 13 de xullo, sobre deportistas de alto nivel.

 

 

ACHEGAS

 

As achegas anuais non poderán exceder a cantidade máxima que se estableza para os sistemas de previsión constituídos a favor de persoas con discapacidade, é dicir, 24.250 euros, incluíndo as que fosen imputadas polos promotores en concepto de rendementos do traballo cando se efectúen estas últimas de acordo co previsto na disposición adicional primeira do Real decreto lexislativo 1/2002, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de regulación dos plans e fondos de pensións.

 

Non se admitirán achegas a este réxime especial unha vez finalizada a vida laboral como deportista profesional ou cando se produza a perda da condición de deportista de alto nivel nos termos e condicións que se establezan regulamentariamente.

 

Non obstante, os deportistas profesionais e de alto nivel, aínda que finalizasen a súa vida laboral como deportistas profesionais ou perdesen a condición de deportistas de alto nivel, poderán realizar achegas a esta mutualidade conforme o réxime xeral de achegas a mutualidades de previsión social comentado noutro parágrafo.

 

 

CONTINXENCIAS

 

As continxencias que poden ser obxecto de cobertura son as previstas para os plans de pensións no artigo 8.6 do Real decreto lexislativo 1/2002, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de regulación dos plans e fondos de pensións.

 

 

DISPOSICIÓN DOS DEREITOS CONSOLIDADOS

 

Os dereitos consolidados dos mutualistas só se poderán facer efectivos:

 

1-   Nos supostos previstos no artigo 8.8 do Real decreto lexislativo 1/2002, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de regulación dos plans e fondos de pensións.

 

2-   Adicionalmente, unha vez transcorrido un ano desde que finalice a vida laboral dos deportistas profesionais ou desde que se perda a condición de deportistas de alto nivel.

 

 

RÉXIME FISCAL

 

a)   Redución na base impoñible

 

As achegas, directas ou imputadas, que cumpran os requisitos anteriores poderán ser obxecto de redución na base impoñible do imposto sobre a renda das persoas físicas, co límite da suma dos rendementos netos do traballo e de actividades económicas percibidos individualmente no exercicio e ata un importe máximo de 24.250 euros anuais.

 

Cando existisen contribucións imputadas polo promotor ao réxime especial de deportistas profesionais, no recadro correspondente aparecerán as imputadas ao contribuínte no exercicio 2014, que o programa trasladará desde a ventá de rendementos de traballo cuberta na páxina 3, cando se seleccionase a clave 3 correspondente a mutualidades de deportistas profesionais e de alto nivel.

 

Excesos de achegas

As achegas que non puidesen ser obxecto de redución na base impoñible por insuficiencia desta ou por aplicación do límite de redución citado anteriormente poderán reducirse nos cinco exercicios seguintes.

Os excesos pendentes de reducir procedentes dos exercicios 2009 a 2013 indicaranse na epígrafe correspondente da ventá de captura de datos.

 

b)   Disposición de dereitos consolidados

 

A disposición dos dereitos consolidados en supostos distintos aos mencionados anteriormente determinará a obriga para o contribuínte de repoñer na base impoñible as reducións indebidamente realizadas, coa práctica das declaracións-liquidacións complementarias, que incluirán os xuros de mora.

 

Pola súa vez, as cantidades percibidas que excedan do importe das achegas realizadas tributarán como rendemento do traballo no período impositivo en que se perciban.

 

c)   Prestacións percibidas

 

As prestacións percibidas, así como a percepción dos dereitos consolidados nos supostos en que se poidan facer efectivos, tributarán na súa integridade como rendementos do traballo.

 

 

Atención: este réxime especial aplícase con independencia do réxime xeral comentado na epígrafe "Achegas e contribucións a sistemas de previsión social. Réxime xeral".