Existen dúas modalidades de determinación dos rendementos de actividades económicas en estimación directa:
- Estimación directa normal
- Estimación directa simplificada.
A modalidade simplificada do réxime de estimación directa aplicarase cando concorran as seguintes circunstancias:
1- Que as actividades que desenvolva o empresario non estean acollidas ao réxime de estimación obxectiva.
2- Que no ano anterior o importe neto da cifra de negocios (ingresos ordinarios), para o conxunto das actividades que desenvolva o contribuínte, non supere 600.000 euros anuais.
3- Que non se renunciase á súa aplicación.
4- Que ningunha actividade que exerza o contribuínte se encontre na modalidade normal do réxime de estimación directa.
A modalidade simplificada do réxime de estimación directa ten as seguintes regras especiais en canto á determinación dos gastos deducibles:
1- As amortizacións do inmobilizado material deben practicarse de forma lineal en función dunha táboa de amortización simplificada, especial para esta modalidade.
O conxunto das provisións deducibles e os gastos de difícil xustificación cuantificaranse exclusivamente aplicando a porcentaxe do 5 por 100 sobre o rendemento neto. Este cálculo é realizado e aplicado polo programa.
IMPORTANTE
• Se vostede realiza unha actividade económica en estimación directa en calquera das súas modalidades (normal ou simplificada) deberá cubrir a epígrafe "E1. Rendemento de actividades económicas en estimación directa" (páxina 5 da declaración).
• Se se exerce a actividade a través dunha entidade en réxime de atribución de rendas, como son as entidades sen personalidade xurídica (comunidades de bens, herdanzas xacentes etc.) ou as sociedades civís teñan ou non personalidade xurídica, non deberá cubrir esta epígrafe, deberá consignar o rendemento neto atribuído na epígrafe F "Réximes especiais" (páxina 8 da declaración).