FORMA DE CUBRIR IRPF (II) > COTA LÍQUIDA E COTA RESULTANTE DA AUTOLIQUIDACIÓN

RETENCIÓNS E DEMAIS PAGAMENTOS Á CONTA (art. 79 da lei)

 

En xeral, as retencións e ingresos á conta reflíctense nas epígrafes correspondentes ás rendas de onde proceden; non obstante, as retencións e ingresos á conta polo arrendamento de inmobles urbanos que constitúan unha actividade económica e por rendementos de actividades económicas (profesionais e determinadas actividades económicas), os pagamentos fraccionados das actividades económicas, deben reflectirse na epígrafe "Cálculo do imposto e Resultado da declaración. Retencións e demais pagamentos á conta" (páxina 15 da declaración).

 

Obrigas do retedor (art. 105.1 do regulamento)

O retedor ou obrigado a ingresar á conta deberá expedir a favor do contribuínte certificación acreditativa das retencións practicadas ou dos ingresos á conta efectuados, así como dos restantes datos que se deben incluír no resumo anual de retencións e ingresos á conta do IRPF (modelo 190).

A citada certificación deberá poñerse á disposición do contribuínte con anterioridade á apertura do prazo de comunicación ou de declaración polo imposto.

 

Consecuencias do cambio de residencia a territorio español

Cando unha persoa non residente cambie a súa residencia a territorio español e adquira por este motivo a condición de contribuínte polo IRPF, terán a consideración de pagamentos á conta deste imposto as retencións e ingresos á conta do imposto sobre a renda de non residentes practicadas durante o período impositivo no que se produza o cambio de residencia (art. 99.8 da lei).

Os traballadores por conta allea que non sexan contribuíntes por este imposto, pero que vaian adquirir a dita condición como consecuencia do seu desprazamento a territorio español, poderán comunicar á Administración tributaria esta circunstancia, deixando constancia da data de entrada neste territorio, para os exclusivos efectos de que o pagador dos rendementos do traballo os considere como contribuíntes por este imposto. De acordo co procedemento regulamentario, a Administración tributaria expedirá un documento acreditativo aos traballadores que así o soliciten no que constará a data a partir da cal as retencións e ingresos á conta se practicarán por este imposto.

 

ARRENDAMENTOS DE INMOBLES URBANOS: retencións e ingresos á conta

 

Consignarase no recadro 592 a suma das retencións e ingresos á conta soportados sobre os rendementos procedentes do arrendamento de inmobles urbanos derivados dunha actividade económica. As retencións e ingresos á conta derivados do arrendamento de inmobles urbanos que se cualifiquen como rendementos do capital inmobiliario non se deberán incluír neste recadro senón na ventá de captura de datos dos rendementos de capital inmobiliario e o programa trasladará o seu importe ao recadro 592.

 

-    ACTIVIDADES ECONÓMICAS: retencións e ingresos á conta

Consignarase no recadro 593 a suma das retencións e ingresos á conta efectuados sobre os ingresos íntegros procedentes do exercicio de actividades profesionais ou de actividades económicas.

 

-    ACTIVIDADES ECONÓMICAS: pagamentos fraccionados

Farase constar no recadro 598 o importe dos pagamentos fraccionados relativos ao conxunto das actividades económicas desenvolvidas polo contribuínte, realizados nos modelos 130 e 131 polos catro trimestres do exercicio 2014.

 

COTAS DO IMPOSTO SOBRE A RENDA DE NON RESIDENTES

Cando unha persoa non residente cambie a súa residencia a territorio español e adquira por este motivo a condición de contribuínte polo IRPF no exercicio 2014, consignará no recadro 599 as cotas satisfeitas do imposto sobre a renda de non residentes xeradas durante o citado período impositivo (art. 79.d) da lei).

 

RETENCIÓNS Á CONTA DE ACORDO CO ARTIGO 11 DA DIRECTIVA 2003/48/CE DO CONSELLO (recadro 600)

Terán a consideración de pagamentos á conta as retencións á conta efectivamente practicadas en virtude do disposto no artigo 11 da Directiva 2003/48/CE do Consello, do 3 de xuño de 2003, en materia de fiscalidade dos rendementos do aforro en forma de pagamento de xuros.