Contribuíntes que poden beneficiarse da dedución
Poden beneficiarse desta dedución os seguintes contribuíntes do IRPF:
1º As mulleres con fillos menores de tres anos con dereito á aplicación do mínimo por descendentes que realicen unha actividade por conta propia ou allea pola cal estean dadas de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade.
No caso de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente, a dedución poderá practicarse, con independencia da idade do menor, durante os tres anos seguintes á data da inscrición no Rexistro Civil. Cando a inscrición non sexa necesaria, a dedución poderá practicarse durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.
O requisito da alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade entenderase cumprido cando esta situación se produza en calquera día do mes.
2º No caso de falecemento da nai, ou cando a garda e custodia se atribúa de forma exclusiva ao pai ou, se é o caso, a un titor, este terá dereito á práctica da dedución pendente. Neste caso o pai ou titor deberá cumprir os requisitos xerais para a aplicación da dedución establecidos no punto 1º anterior.
3º No suposto de acollemento ou tutela, se existen varios acolledores ou titores respecto do mesmo acollido ou tutelado, o seu importe deberá repartirse por partes iguais.
Importe da dedución e límite
• A cota diferencial do imposto poderá minorarse ata un máximo de 1.200 euros anuais por cada fillo menor de tres anos.
• A dedución terá como límite para cada fillo as cotizacións e cotas totais á Seguridade Social e mutualidades xeradas en cada período impositivo con posterioridade ao nacemento, adopción ou acollemento. Para estes efectos computaranse as cotizacións e cotas polos seus importes íntegros, sen tomar en consideración as bonificacións que puidesen corresponder.
Cómputo da dedución
• A dedución calcularase de forma proporcional ao número de meses en que se cumpran de forma simultánea os requisitos previstos no parágrafo anterior, incluíndose o mes de nacemento e non computándose o do cumprimento dos tres anos.
• No suposto de existencia de varios contribuíntes con dereito á aplicación da dedución por maternidade respecto do mesmo acollido ou tutelado, o seu importe ratearase entre eles por partes iguais.
PAGAMENTO ANTICIPADO DA DEDUCIÓN
Poderase solicitar da Axencia Estatal de Administración Tributaria o aboamento da dedución de forma anticipada por cada un dos meses en que estean dados de alta na Seguridade Social ou mutualidade e coticen os prazos mínimos establecidos regulamentariamente. Nestes supostos, non se minorará a cota diferencial do imposto.
Regularización
Se unha vez efectuados todos os pagamentos correspondentes a un exercicio, faltasen pagamentos ata completar a dedución á que ten dereito, ou polo contrario se efectuasen pagamentos aos que non se ten dereito, será necesario regularizar o importe da dedución na declaración do imposto.