FORMA DE CUBRIR IRPF (I) > RENDEMENTOS DE CAPITAL MOBILIARIO > RENDEMENTOS DO CAPITAL MOBILIARIO QUE HAI QUE INTEGRAR NA BASE IMPOÑIBLE DO AFORRO

RENDEMENTOS DERIVADOS DA TRANSMISIÓN, AMORTIZACIÓN OU REEMBOLSO DOUTROS ACTIVOS FINANCEIROS (art. 25.2.b) da lei)

 

INGRESOS ÍNTEGROS

Considéranse rendementos de capital mobiliario os derivados da transmisión, reembolso, amortización, troco ou conversión de calquera clase de activos representativos da captación e utilización de capitais alleos (obrigas, bonos, letras, obrigas de pagamento, cédulas hipotecarias etc.).

Nestes casos computarase como rendemento íntegro a diferenza entre o valor de transmisión, reembolso, amortización, troco ou conversión dos valores e o seu valor de adquisición ou subscrición.

Como valor de troco ou conversión tomarase o que corresponda aos valores que se reciban.

Os gastos accesorios de adquisición e alleamento serán computados para a cuantificación do rendemento, en tanto se xustifiquen adecuadamente.

Se o rendemento se percibiu en especie, deberá computarse como ingreso íntegro o valor de mercado dos bens ou servizos recibidos. Ao dito valor sumaráselle o ingreso á conta, salvo que o seu importe fose repercutido ao perceptor da renda.

Importante

Os rendementos con período de xeración superior a dous anos, derivados de activos financeiros contratados antes do 20 de xaneiro de 2006, deberán incluírse tamén na ventá do recadro 587 da páxina 16 da declaración para os efectos de que o programa poida calcular, se procede, o importe da compensación fiscal do réxime transitorio.

 

Exclusións

Non se incluirán nesta rúbrica, senón na súa epígrafe específica, os rendementos derivados da transmisión ou reembolso de letras do Tesouro.

 

Inclusións

Ademais incluiranse nesta epígrafe os seguintes rendementos:

-   As rendas derivadas de operacións de cesión temporal de activos financeiros con pacto de recompra.

-   As rendas satisfeitas por unha entidade financeira como consecuencia da transmisión, cesión ou transferencia, total ou parcial, dun crédito titularidade daquela.

-   Os rendementos procedentes de calquera instrumento de xiro, incluso os orixinados por operacións comerciais, a partir do momento en que se endose ou transmita, salvo que o endosamento ou cesión se faga como pagamento dun crédito de provedores ou subministradores.

 

Rendementos negativos

Os rendementos negativos consignaranse precedidos do signo menos (-).

Non obstante, hai que ter en conta que os rendementos negativos derivados de transmisións de activos financeiros, cando o contribuínte adquirise activos homoxéneos dentro dos dous meses anteriores ou posteriores ás ditas transmisións, se integrarán a medida que se transmitan os activos financeiros que permanezan no patrimonio do contribuínte.

 

Transmisións lucrativas por causa de morte

Estímase que non existe rendemento do capital mobiliario nas transmisións lucrativas, por causa de morte do contribuínte, dos activos financeiros a que se refire esta epígrafe (art. 25.6 da lei).

 

RETENCIÓNS

Así mesmo, indicaranse nesta epígrafe as retencións practicadas ou ingresos á conta efectuados sobre os rendementos xerados, cantidades que o programa traslada ao recadro 591 da páxina 16 da declaración.

 

GASTOS DEDUCIBLES

Como gastos deducibles consignaranse exclusivamente os gastos de administración e depósito de valores negociables.