RENDAS OBTIDAS EN CEUTA E MELILLA (art. 68.4 da lei)
Consideraranse rendas obtidas en Ceuta ou Melilla as seguintes:
a) Os rendementos do traballo, cando se deriven de traballos de calquera clase realizados nos ditos territorios, así como os derivados de prestacións por desemprego e dos sistemas de previsión social a que se refire o artigo 17.2.a) da Lei do imposto (art. 58.1 do regulamento).
Non obstante, os contribuíntes non residentes en Ceuta ou Melilla non poderán aplicar, en ningún caso, a dedución por este tipo de rendas.
b) Os rendementos que procedan da titularidade de bens inmobles situados en Ceuta ou Melilla ou de dereitos reais que recaian sobre eles.
c) As que procedan do exercicio de actividades económicas efectivamente realizadas en Ceuta ou Melilla.
Enténdese por operacións efectivamente realizadas en Ceuta ou Melilla aquelas que cerren nestes territorios un ciclo mercantil que determine resultados económicos ou supoñan a prestación dun servizo profesional nos ditos territorios.
Non se estimará que se producen as ditas circunstancias cando se trate de operacións illadas de extracción, fabricación, compra, transporte, entrada e saída de xéneros ou efectos nestes e, en xeral, cando as operacións non determinen por si soas rendas (art. 58.2 do regulamento).
Cando se trate de actividades pesqueiras e marítimas serán de aplicación as regras establecidas no artigo 33 do texto refundido da Lei do imposto sobre sociedades.
d) As ganancias patrimoniais que procedan de bens inmobles radicados en Ceuta ou Melilla.
e) As ganancias patrimoniais que procedan de bens mobles situados en Ceuta ou Melilla.
Non obstante, os contribuíntes non residentes nestes territorios non poderán aplicar, en ningún caso, a dedución por este tipo de rendas.
f) Os rendementos do capital mobiliario procedentes de obrigas ou préstamos, cando os capitais se encontren investidos nos ditos territorios e alí xeren as rendas correspondentes.
g) Os rendementos do capital mobiliario procedentes do arrendamento de bens mobles, negocios ou minas, cando o obxecto do arrendamento estea situado e se utilice efectivamente en Ceuta e Melilla (art. 58.4 do regulamento).
h) As rendas procedentes de sociedades que operen efectiva e materialmente en Ceuta ou Melilla e con domicilio e obxecto social exclusivo nos ditos territorios.
i) Os rendementos procedentes de depósitos ou contas en toda clase de institucións financeiras situadas en Ceuta ou Melilla.
Non obstante, os contribuíntes non residentes nestes territorios non poderán aplicar, en ningún caso, a dedución por este tipo de rendas.