Conforme establece o artigo 7 da Lei do imposto, están exentas as seguintes rendas:
1- Axudas e indemnizacións
• As prestacións públicas extraordinarias por actos de terrorismo e as pensións derivadas de medallas e condecoracións concedidas por actos de terrorismo. En especial, están exentas as indemnizacións e axudas económicas percibidas ao amparo da Lei 32/1999, do 8 de outubro, de solidariedade coas vítimas do terrorismo.
• As axudas de calquera clase percibidas polos afectados polo virus de inmunodeficiencia humana, reguladas no Real decreto lei 9/1993, do 28 de maio.
• As indemnizacións como consecuencia de responsabilidade civil por danos persoais, na contía legal ou xudicialmente recoñecida.
Entre outras, teñen a consideración de indemnizacións na contía legalmente recoñecida as indemnizacións pagadas conforme o disposto no artigo 1.2 da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos a motor, aprobada polo Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 outubro de 2004, en tanto sexan aboadas por unha entidade aseguradora como consecuencia da responsabilidade civil do asegurado.
• As indemnizacións por danos persoais derivadas de contratos de seguro de accidentes, salvo aqueles cuxas primas puidesen reducir a base impoñible ou ser consideradas gasto deducible dos rendementos de actividades profesionais por aplicación do disposto no artigo 30.2.1ª da Lei do imposto.
A exención alcanza ata a contía que resulte de aplicar ao dano sufrido o sistema para valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, incorporado como anexo na Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos a motor.
• As indemnizacións por despedimento ou cesamento do traballador, na contía establecida con carácter obrigatorio no Estatuto dos traballadores, na súa normativa de desenvolvemento ou, se é o caso, na normativa reguladora da execución de sentenzas, sen que se poida considerar como tal a establecida en virtude de convenio, pacto ou contrato.
Cando se extinga o contrato de traballo con anterioridade ao acto de conciliación, estarán exentas as indemnizacións por despedimento que non excedan da que correspondese no caso de que este fose declarado improcedente, e non se trate de extincións de mutuo acordo no marco de plans ou sistemas colectivos de baixas incentivadas. Débense diferenciar no ano 2012 os despedimentos producidos ata o 7 de xullo do dito ano e os que se orixinan a partir da dita data:
- Nos despedimentos producidos entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 7 de xullo de 2012, estarán exentas as indemnizacións por despedimento cando o empresario así o recoñeza no momento da comunicación do despedimento, e sempre e cando a indemnización non exceda da contía que lle correspondese no caso de que este se declarase improcedente.
- Nos despedimentos producidos a partir do 7 de xullo de 2012, só estarán exentas as indemnizacións recoñecidas en acto de conciliación ou en resolución xudicial.
Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, nos supostos de despedimento ou cesamento como consecuencia de expedientes de regulación de emprego, tramitados de conformidade co disposto no artigo 51 do Estatuto dos traballadores e despois da aprobación da autoridade competente, ou producidos polas causas previstas na alínea c) do artigo 52 do citado estatuto, sempre que, en ambos os casos, se deban a causas económicas, técnicas, organizativas, de produción ou por forza maior, quedará exenta a parte de indemnización percibida que non supere os límites establecidos con carácter obrigatorio no mencionado estatuto para o despedimento improcedente, isto é, 33 días por ano de servizo ata un máximo de 24 mensualidades.
1. A exención por despedimento ou cesamento do traballador terá un límite de 180.000 euros que é aplicable:
2. A despedimentos que se produzan desde o 1 de agosto de 2014.
3. A despedimentos derivados de ERE ou despedimentos colectivos cando o ERE se aprobase ou o despedimento colectivo se iniciase antes do 1 de agosto de 2014.
NOTA: este último parágrafo será de aplicación aos despedimentos derivados dos expedientes de regulación de emprego aprobados a partir da entrada en vigor do Real decreto lei 2/2009, do 6 de marzo, así como aos despedimentos producidos polas causas previstas na alínea c) do artigo 52 do Estatuto dos traballadores desde esta mesma data. O citado real decreto lei entrou en vigor o día 8 de marzo de 2009. As indemnizacións en tramitación ou con vixencia na súa aplicación ata o 12 de febreiro de 2012 estarán exentas na contía que non supere 45 días de salario por ano de servizo, e ratearanse por meses os períodos de tempo inferiores a un ano, ata un máximo de 42 mensualidades.
• As indemnizacións satisfeitas polas administracións públicas por danos persoais como consecuencia do funcionamento dos servizos públicos, cando veñan establecidas de acordo cos procedementos previstos no Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos das administracións públicas en materia de responsabilidade patrimonial.
• As axudas económicas reguladas no artigo 2º da Lei 14/2002, que recolle as axudas sociais a persoas con hemofilia ou outras coagulopatías conxénitas, que desenvolvesen a hepatite C como consecuencia de recibir un tratamento con concentrados de factores de coagulación no ámbito do sistema sanitario público (Lei 14/2002).
• Estará exenta a renda derivada da aplicación dos instrumentos de cobertura cando cubran exclusivamente o risco de incremento do tipo de xuro variable dos préstamos hipotecarios destinados á adquisición da vivenda habitual do contribuínte, regulados no artigo décimo noveno da Lei 36/2003.
• As indemnizacións previstas na lexislación do Estado e das comunidades autónomas para compensar a privación de liberdade en establecementos penais como consecuencia dos supostos establecidos na Lei 46/1977, do 15 de outubro, de amnistía.
• Estarán exentas as axudas que percibisen as persoas que consignaron, nas declaracións do imposto sobre a renda das persoas físicas dos exercicios 1999 a 2005, as indemnizacións previstas na lexislación do Estado e das comunidades autónomas para compensar a privación de liberdade en establecementos penais como consecuencia dos supostos establecidos na Lei 46/1977, de amnistía.
Estas axudas cuantifícanse no 15 por 100 das cantidades que, por tal concepto, consignasen na declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas de cada un dos ditos períodos impositivos.
Se as persoas que recibiron as indemnizacións e que as consignaron na correspondente declaración falecesen, o dereito á axuda e á exención corresponderalles aos seus herdeiros.
2- Pensións e prestacións da Seguridade Social e similares
• As prestacións recoñecidas ao contribuínte pola Seguridade Social ou polas entidades que a substitúan como consecuencia de incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez.
Así mesmo, as prestacións recoñecidas aos profesionais non integrados no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores por conta propia ou autónomos polas mutualidades de previsión social que actúen como alternativas ao réxime especial da Seguridade Social mencionado, sempre que se trate de prestacións en situacións idénticas ás previstas para a incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez da Seguridade Social.
A contía exenta terá como límite o importe da prestación máxima que recoñeza a Seguridade Social polo concepto que corresponda. O exceso tributará como rendemento do traballo e entenderase producido, en caso de concorrencia de prestacións da Seguridade Social e das mutualidades antes citadas, nas prestacións destas últimas.
• As pensións por inutilidade ou incapacidade permanente do réxime de clases pasivas, sempre que a lesión ou enfermidade que fose causa destas inhabilitase por completo o perceptor da pensión para toda profesión ou oficio.
• As prestacións familiares reguladas no capítulo IX do título II do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, e as pensións e os haberes pasivos de orfandade e a favor de netos e irmáns, menores de vinte e dous anos ou incapacitados para todo traballo, percibidos dos réximes públicos da Seguridade Social e clases pasivas. Tamén estarán exentas as prestacións públicas por maternidade percibidas das comunidades autónomas ou entidades locais.
Estarán exentas tamén as prestacións recoñecidas aos profesionais non integrados no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores por conta propia ou autónomos polas mutualidades de previsión social que actúen como alternativas ao réxime especial da Seguridade Social, sempre que as prestacións se perciban por situacións idénticas ás anteriores para os profesionais integrados no dito réxime especial. A contía exenta terá como límite o importe da prestación máxima que por tal concepto recoñeza a Seguridade Social. En caso de concorrencia de prestacións da Seguridade Social e das mutualidades, o exceso entenderase producido nas prestacións da mutualidade.
• As demais prestacións públicas por nacemento, parto ou adopción múltiple, adopción, fillos a cargo e orfandade.
• As prestacións económicas públicas vinculadas ao servizo, para coidados no contorno familiar e de asistencia personalizada que derivan da Lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
• As prestacións por desemprego recoñecidas pola respectiva entidade xestora cando se perciban na modalidade de pagamento único establecida no Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, polo que se regula o aboamento da prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, sempre que as cantidades percibidas se destinen ás finalidades e nos casos previstos na citada norma. Este límite non se aplicará no caso de prestacións por desemprego percibidas por traballadores discapacitados que se convertan en traballadores autónomos, nos termos do artigo 31 da Lei 50/1998, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social.
A exención prevista no parágrafo anterior estará condicionada ao mantemento da acción ou participación durante o prazo de cinco anos, no suposto de que o contribuínte se integrase en sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, ou ao mantemento, durante idéntico prazo, da actividade, no caso de traballador autónomo.
• As pensións recoñecidas en favor daquelas persoas que sufriron lesións ou mutilacións con ocasión ou como consecuencia da Guerra Civil 1936/1939, xa sexa polo réxime de clases pasivas do Estado ou ao abeiro da lexislación especial ditada para o efecto.
3- Outras prestacións públicas
• As cantidades percibidas de institucións públicas con motivo do acollemento de menores, persoas con discapacidade ou maiores de sesenta e cinco anos, sexa na modalidade simple, permanente ou preadoptiva, ou as equivalentes nos ordenamentos das comunidades autónomas, incluído o acollemento na execución da medida xudicial de convivencia do menor previsto na Lei orgánica 5/2000. Tamén estarán exentas as axudas económicas outorgadas por institucións públicas a persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100 ou maiores de 65 anos para financiar a súa estancia en residencias ou centros de día, sempre que o resto das súas rendas non exceda o dobre do IPREM (indicador público de rendas de efectos múltiples). Para 2014 a contía anual do IPREM estableceuse en 7.455,14 euros.
• As bolsas públicas e as bolsas concedidas polas entidades sen fins lucrativos ás que sexa de aplicación o réxime especial regulado no título II da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, percibidas para cursar estudos regulados, tanto en España coma no estranxeiro, en todos os niveis e graos do sistema educativo. Así mesmo, as bolsas públicas e as concedidas polas entidades sen fins lucrativos mencionadas anteriormente para investigación no ámbito descrito polo Real decreto 63/2006, do 27 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación, así como as outorgadas por aquelas con fins de investigación aos funcionarios e demais persoal ao servizo das administracións públicas e ao persoal docente e investigador das universidades.
• As axudas de formación e tecnificación de contido económico, co límite de 60.100 euros, aos deportistas de alto nivel axustadas aos programas de preparación establecidos polo Consello Superior de Deportes coas federacións deportivas españolas ou co Comité Olímpico Español, que cumpran os seguintes requisitos (art. 4 do regulamento):
1) Que os seus beneficiarios teñan recoñecida a condición de deportistas de alto nivel, conforme o previsto no Real decreto 1467/1997, do 19 de setembro, sobre deportistas de alto nivel.
2) Que sexan financiadas, directa ou indirectamente, polo Consello Superior de Deportes, pola Asociación de Deportes Olímpicos, polo Comité Olímpico Español ou polo Comité Paralímpico Español.
• As cantidades satisfeitas polo Estado español aos membros de misións internacionais de paz ou humanitarias polos seguintes motivos (art. 5 do regulamento):
a) As gratificacións extraordinarias de calquera natureza que respondan ao desempeño da misión internacional de paz ou humanitaria.
b) As indemnizacións ou prestacións satisfeitas polos danos persoais que sufrisen durante estas.
• As prestacións e axudas familiares percibidas de calquera das administracións públicas, xa sexan vinculadas a nacemento, adopción, acollemento ou coidado de fillos menores.
4- Premios
• Os premios literarios, artísticos, ou científicos relevantes, coas condicións establecidas regulamentariamente, así como os premios Príncipe de Asturias, nas súas distintas modalidades, outorgados pola Fundación Príncipe de Asturias.
• Os premios das loterías e apostas organizadas pola Sociedade Estatal de Loterías e Apostas do Estado e polas comunidades autónomas cuxo importe íntegro sexa igual ou inferior a 2.500 euros, ou ata este importe cando se trate de premios que superen 2.500 euros.
• Os sorteos organizados pola Cruz Vermella Española e pola Organización Nacional de Cegos cuxo importe íntegro sexa igual ou inferior a 2.500 euros, ou ata este importe cando se trate de premios que superen 2.500 euros.
5- Outras rendas
• Os dividendos, primas de asistencia a xuntas e participacións en beneficios de calquera tipo de entidade, así como os rendementos procedentes de calquera clase de activos que faculten para participar nos beneficios dunha entidade, co límite de 1.500 euros anuais.
Esta exención non se aplicará aos dividendos e beneficios distribuídos polas institucións de investimento colectivo, nin aos procedentes de valores ou participacións adquiridas dentro dos dous meses anteriores á data en que aqueles se satisfixesen cando, con posterioridade a esta data, dentro do mesmo prazo, se produza unha transmisión de valores homoxéneos. No caso de valores ou participacións non admitidos a negociación nalgún dos mercados secundarios oficiais de valores definidos na Directiva 2004/39/CE do Parlamento Europeo e do Consello, relativa aos mercados de instrumentos financeiros, o prazo será dun ano.
• As anualidades por alimentos percibidas dos pais en virtude de decisión xudicial.
• Os rendementos do traballo percibidos por traballos efectivamente realizados no estranxeiro, co límite máximo de 60.100 euros anuais, e sempre que se cumpran os requisitos establecidos legalmente.
• As prestacións percibidas por enterro, co límite do importe total dos gastos nos que se incorreu.
• Os rendementos do traballo derivados das prestacións obtidas en forma de renda polas persoas con discapacidade correspondentes ás achegas a sistemas de previsión social do artigo 53 da lei, así como os rendementos do traballo derivados das achegas a patrimonios protexidos das persoas con discapacidade (DA 18 da lei), ata un importe máximo anual conxunto de tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples.