REGRAS XERAIS
IMPORTE DAS GANANCIAS E PERDAS PATRIMONIAIS (art. 32 da lei)
O importe das ganancias ou perdas patrimoniais dos elementos patrimoniais afectos a unha actividade económica será o que resulte da diferenza entre o valor de adquisición e o valor de transmisión dos elementos patrimoniais.
VALOR DE ADQUISICIÓN (art. 35.1.n) da lei)
Considerarase como valor de adquisición o valor contable, tendo en conta as amortizacións que fosen fiscalmente deducibles, e computarase en todo caso a amortización mínima, con independencia da súa efectiva consideración como gasto. Considerarase como amortización mínima a resultante do período máximo de amortización ou a porcentaxe fixa que corresponda, segundo cada caso.
Actualización do valor de adquisición
O valor de adquisición actualizarase, exclusivamente no caso de bens inmobles, mediante a aplicación dos coeficientes que se establezan na correspondente Lei de orzamentos xerais do Estado.
INAPLICACIÓN DE COEFICIENTES REDUTORES
Ás ganancias patrimoniais derivadas da transmisión de elementos patrimoniais afectos a actividades económicas non lles serán en ningún caso de aplicación os coeficientes redutores previstos para as ganancias patrimoniais derivadas de elementos patrimoniais non afectos adquiridos antes do 31 de decembro de 1994.
Para estes efectos, consideraranse elementos patrimoniais afectos a actividades económicas aqueles nos que a desafectación non se producise con máis de tres anos de antelación á data de transmisión.