FORMA DE CUBRIR IRPF (II) > BASE LIQUIDABLE XERAL E BASE LIQUIDABLE DO AFORRO

REDUCIÓNS POR ACHEGAS A PATRIMONIOS PROTEXIDOS DAS PERSOAS DISCAPACITADAS (art. 54 da lei)

 

A Lei 41/2003, do 18 de novembro, de protección patrimonial das persoas con discapacidade estableceu unha regulación específica para o patrimonio das persoas discapacitadas, cuxo obxecto inmediato é a creación dunha masa patrimonial destinada á satisfacción das necesidades vitais dunha persoa con discapacidade. A lei favorece a constitución deste patrimonio e a achega a este a título gratuíto de bens e dereitos, establecendo unha serie de medidas fiscais tanto para o titular do patrimonio protexido como para os achegantes polas achegas que realicen.

 

As achegas a patrimonios protexidos das persoas discapacitadas darán dereito a reducir a base impoñible coas seguintes condicións:

 

a)   Reducirán a base impoñible as achegas realizadas polas persoas que teñan co discapacitado unha relación de parentesco en liña directa ou colateral ata o terceiro grao inclusive, así como polo cónxuxe do discapacitado ou por aqueles que o tivesen ao seu cargo en réxime de tutela ou acollemento, co límite máximo de 10.000 euros anuais.

 

b)   O conxunto das reducións practicadas por todas as persoas que efectúen achegas a favor dun mesmo patrimonio protexido non poderá exceder de 24.250 euros anuais. Cando concorran varias achegas a favor dun mesmo patrimonio protexido, as reducións correspondentes ás ditas achegas deberán de ser minoradas de forma proporcional.

 

IMPORTANTE: en ningún caso darán dereito a redución as achegas efectuadas polo propio contribuínte discapacitado titular do patrimonio protexido.

 

 

Achegas que non sexan en diñeiro

 

Cando as achegas non sexan en diñeiro, tomarase como importe da achega o que resulte do previsto no artigo 18 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

 

Non xerarán o dereito a redución as achegas de elementos afectos á actividade que realicen os contribuíntes polo imposto sobre a renda das persoas físicas que obteñan rendementos de actividades económicas.

 

Exceso de achegas realizadas e non reducidas

 

1.   As achegas que excedan dos límites previstos no parágrafo anterior darán dereito a reducir a base impoñible dos catro períodos impositivos seguintes, ata esgotar, se é o caso, en cada un deles os importes máximos de redución.

 

2.   As achegas que non poidan ser obxecto de redución por insuficiencia de base impoñible poderán reducirse nos catro períodos impositivos seguintes.

 

3.   Cando concorran nun mesmo período impositivo reducións da base impoñible por achegas efectuadas no exercicio con reducións de exercicios anteriores pendentes de aplicar, practicaranse en primeiro lugar as reducións procedentes dos exercicios anteriores, ata esgotar os importes máximos de redución.

 

DISPOSICIÓN DE BENS OU DEREITOS ACHEGADOS AO PATRIMONIO PROTEXIDO

 

A disposición no período impositivo en que se realiza a achega ou nos catro seguintes de calquera ben ou dereito achegado ao patrimonio protexido da persoa con discapacidade determinará as seguintes obrigas fiscais:

 

a) Se o achegante foi un contribuínte do imposto sobre a renda das persoas físicas, deberá repoñer as reducións na base impoñible indebidamente practicadas mediante a presentación da oportuna autoliquidación complementaria con inclusión dos xuros de mora que proceden, no prazo que medie entre a data en que se produza a disposición e a finalización do prazo regulamentario de declaración correspondente ao período impositivo en que se realice a dita disposición.

 

b) O titular do patrimonio protexido que recibiu a achega deberá integrar na base impoñible a parte da achega recibida que deixase de integrar no período impositivo en que recibiu a achega como consecuencia da aplicación do disposto na alínea w) do artigo 7 da lei, mediante a presentación da oportuna autoliquidación complementaria máis os xuros de mora que procedan, no prazo que medie entre a data en que se produza a disposición e a finalización do prazo regulamentario de declaración correspondente ao período impositivo en que se realice a dita disposición.

 

Nos casos en que a achega fose realizada ao patrimonio protexido dos parentes, cónxuxes ou persoas a cargo dos traballadores en réxime de tutela ou acollemento, a que se refire a alínea 1 deste artigo, por un suxeito pasivo do imposto sobre sociedades, a obriga descrita no parágrafo anterior deberá ser cumprida polo dito traballador.

 

Non se considerarán como actos de disposición anticipada o gasto de diñeiro e o consumo de bens mobles funxibles integrados no patrimonio protexido, cando se fagan para atender as necesidades vitais da persoa beneficiaria.

Agora ben, para que tal conclusión sexa posible, dado que os beneficios fiscais quedan ligados á efectiva constitución dun patrimonio, deberá constituírse este último, o que implica que, salvo en circunstancias excepcionais polas que puntualmente a persoa con discapacidade poida estar atravesando, o gasto de diñeiro ou bens funxibles antes do transcurso de catro anos desde a súa achega non debe impedir a constitución e o mantemento durante o tempo do citado patrimonio protexido.

 

IMPORTANTE

Para os efectos previstos neste parágrafo, tratándose de bens ou dereitos homoxéneos entenderase que foron dispostos os achegados en primeiro lugar.

En caso de falecemento do titular do patrimonio protexido, do achegante ou dos traballadores aos que se refire a alínea 2 do artigo 43 do texto refundido da Lei do imposto sobre sociedades, non será aplicable o disposto nas alíneas a) e b) deste parágrafo.

 

FORMA DE CUBRIR

 

Abrirase unha ventá de captura de datos na que deberá indicar os seguintes datos:

 

-   NIF do discapacitado titular do patrimonio protexido ao cal se realizasen as achegas.

-   Excesos pendentes de reducir procedentes dos exercicios 2010 a 2013.

Os contribuíntes que solicitasen nas ditas declaracións poder reducir o exceso nos catro exercicios seguintes farán constar neste recadro o importe que, estando pendente de aplicación por este concepto, proceda aplicar na declaración do exercicio 2014.

-   Achegas realizadas en 2014 ao patrimonio protexido da persoa con discapacidade.

-   Conxunto de achegas, e excesos pendentes de redución, de todos os achegantes ao mesmo patrimonio protexido, con dereito a ser reducidas no ano 2014, cando excedan de 24.250 euros anuais.

 

Para cubrir correctamente este último apartado deberá ter en conta os seguintes exemplos:

a)   Dous contribuíntes realizan achegas ao patrimonio protexido do seu fillo, por 15.000 euros cada un. Non se debe cubrir o recadro, pois o importe total con dereito a ser reducido no ano, 20.000 euros (10.000 euros por contribuínte), é inferior a 24.520 euros.

b)   Tres contribuíntes realizan achegas ao patrimonio protexido dun familiar. Cada un deles achega 15.000 euros. Si se debe cubrir este recadro, pois o importe total con dereito a ser reducido, 30.000 euros (10.000 euros por contribuínte), é superior a 24.520 euros. Deberase poñer no recadro a cantidade de 30.000 euros.