FORMA DE CUBRIR IRPF (I) > RENDEMENTOS DE CAPITAL MOBILIARIO > RENDEMENTOS DO CAPITAL MOBILIARIO QUE HAI QUE INTEGRAR NA BASE IMPOÑIBLE DO AFORRO

REDUCIÓNS EN DETERMINADOS RENDEMENTOS DE CONTRATOS DE SEGURO XERADORES DE INCREMENTOS OU DIMINUCIÓNS DE PATRIMONIO CON ANTERIORIDADE AO 1 DE XANEIRO DE 1999 (DT cuarta da lei, redacción DF primeira da Lei 35/2006)

 

Cando se perciba un capital diferido, a parte da prestación correspondente a primas satisfeitas con anterioridade ao 31 de decembro de 1994 que se xerase con anterioridade ao 20 de xaneiro de 2006 reducirase nun 14,28 por 100 por cada ano, redondeado por exceso, que medie entre o aboamento da prima e o 31 de decembro de 1994. Cando transcorresen máis de seis anos entre as ditas datas, a porcentaxe que se aplicará será o 100 por 100. Para calcular o importe a reducir procederase da seguinte forma:

1. Determinarase a parte do rendemento neto total que lle corresponda a cada unha das primas satisfeitas con anterioridade ao 31 de decembro de 1994. Para determinar a parte do rendemento total obtido que lle corresponda a cada prima, multiplicarase o dito rendemento polo coeficiente de ponderación que resulte do seguinte cociente:

-   No numerador, o resultado de multiplicar a prima correspondente polo número de anos transcorridos desde que foi satisfeita ata o cobramento da percepción.

-   No denominador, a suma dos produtos resultantes de multiplicar cada prima polo número de anos transcorridos desde que foi satisfeita ata o cobramento da percepción.

 

2. Para determinar a parte da prestación que, correspondendo a cada unha das primas satisfeitas con anterioridade ao 31 de decembro de 1994, se xerou con anterioridade ao 20 de xaneiro de 2006, multiplicarase esta polo coeficiente de ponderación que resulte do seguinte cociente:

-   No numerador, o tempo transcorrido entre o pagamento da prima e o 20 de xaneiro de 2006.

-   No denominador, o tempo transcorrido entre o pagamento da prima e a data de cobramento da prestación.