Os contribuíntes que exerzan actividades económicas cuxo importe neto da cifra de negocios para cada actividade sexa inferior a 5 millóns de euros e teñan un cadro de persoal medio inferior a 25 empregados poderán reducir nun 20 por 100 o rendemento neto positivo declarado, minorado, se é o caso, polas reducións previstas no artigo 32 da lei cando manteñan ou creen emprego.
Para os efectos de determinar o importe neto da cifra de negocios, terase en conta o establecido no parágrafo 3 do artigo 108 do texto refundido da Lei do imposto sobre sociedades. Cando en calquera dos períodos impositivos a duración da actividade económica fose inferior ao ano, o importe neto da cifra de negocios elevarase ao ano.
LÍMITE
O importe da redución non poderá ser superior ao 50 por 100 do importe das retribucións satisfeitas no exercicio ao conxunto dos seus traballadores de cada actividade.
REQUISITOS DE MANTEMENTO E CREACIÓN DE EMPREGO E OUTRAS CONDICIÓNS
Inicio da actividade antes do 1 de xaneiro de 2008
Entenderase que o contribuínte mantén ou crea emprego cando no período impositivo 2014 o cadro de persoal medio utilizado non sexa inferior á unidade e ao cadro de persoal medio do período impositivo 2008.
Inicio da actividade despois do 1 de xaneiro de 2008
Cando o contribuínte non viñese desenvolvendo ningunha actividade económica con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2008 e inicie o seu exercicio no período impositivo 2008, deberá cumprir as seguintes condicións:
- Que non sexa inferior á unidade.
- Que non sexa inferior ao cadro de persoal medio do período impositivo 2008, que será calculado tomando en consideración o tempo transcorrido desde o seu inicio.
Inicio da actividade despois do 1 de xaneiro de 2009
Cando se trate de contribuíntes que non desenvolvesen actividades con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2009 e iniciasen o seu exercicio en 2009, 2010, 2011, 2012, 2013 ou 2014, e o cadro de persoal medio correspondente ao período impositivo no que se inicie esta sexa superior a cero e inferior á unidade, a redución aplicarase no período impositivo de inicio da actividade coa condición de que no período impositivo seguinte o cadro de persoal medio non sexa inferior á unidade.
Tributación conxunta
En tributación conxunta, o dereito a aplicar a redución deberá determinarse individualmente para cada un dos contribuíntes integrados na declaración.
FORMA DE CUBRIR
Abrirase unha ventá de captura de datos na que deberá marcar cunha X se ten dereito a aplicar a redución e o importe total das retribucións satisfeitas ao conxunto dos seus traballadores.