Os contribuíntes que exerzan actividades económicas cuxo importe neto da cifra de negocios para cada actividade sexa inferior a 5 millóns de euros e teñan un cadro de persoal medio inferior a 25 empregados poderán reducir nun 20 por 100 o rendemento neto positivo declarado, minorado, se é o caso, polas reducións previstas no artigo 32 da lei cando manteñan ou creen emprego.
Para os efectos de determinar o importe neto da cifra de negocios, terase en conta o establecido no parágrafo 3 do artigo 108 do texto refundido da Lei do imposto sobre sociedades. Cando en calquera dos períodos impositivos a duración da actividade económica fose inferior ao ano, o importe neto da cifra de negocios elevarase ao ano.
LÍMITE
O importe da redución non poderá ser superior ao 50 por 100 do importe das retribucións satisfeitas no exercicio ao conxunto dos seus traballadores de cada actividade.
REQUISITOS DE MANTEMENTO OU CREACIÓN DE EMPREGO E OUTRAS CONDICIÓNS
Inicio da actividade antes do 1 de xaneiro de 2008
Entenderase que o contribuínte mantén ou crea emprego cando no período impositivo 2014 o cadro de persoal utilizado non sexa inferior á unidade e ao cadro de persoal medio do período impositivo 2008.
Inicio da actividade despois do 1 de xaneiro de 2008
Cando o contribuínte non viñese desenvolvendo ningunha actividade económica con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2008 e inicie o seu exercicio no período impositivo 2008, deberá cumprir as seguintes condicións:
- Que non sexa inferior á unidade.
- Que non sexa inferior ao cadro de persoal medio do período impositivo 2008, que será calculado tomando en consideración o tempo transcorrido desde o seu inicio.
Inicio da actividade despois do 1 de xaneiro de 2009
Cando se trate de contribuíntes que non desenvolvesen actividades con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2009 e iniciasen o seu exercicio en 2009, 2010, 2011, 2012, 2013 ou 2014 e o cadro de persoal medio correspondente ao período impositivo no que se inicie esta sexa superior a cero e inferior á unidade, a redución aplicarase no período impositivo de inicio da actividade coa condición de que no período impositivo seguinte o cadro de persoal medio non sexa inferior á unidade.
Tributación conxunta
En tributación conxunta, o dereito a aplicar a redución deberá determinarse individualmente para cada un dos contribuíntes integrados na declaración.
FORMA DE CUBRIR
Abrirase unha ventá de captura de datos na que deberá marcar cunha X se ten dereito a aplicar a redución e o importe total das retribucións satisfeitas ao conxunto dos seus traballadores.