PRESTACIÓNS DE MUTUALIDADES DE PREVISIÓN SOCIAL
Tributarán na súa integridade como rendementos do traballo as prestacións percibidas polos beneficiarios de contratos de seguros concertados con mutualidades de previsión social cuxas achegas puidesen ser, polo menos en parte, gasto deducible do rendemento de actividades económicas ou obxecto de redución na base impoñible.
No suposto de prestacións por xubilación e invalidez integraranse na base impoñible no importe da contía percibida que exceda das achegas que non puidesen ser obxecto de redución ou minoración na base impoñible do imposto, por incumpriren os requisitos subxectivos previstos na alínea a) do parágrafo 2 do artigo 51 ou na DA novena da lei.
ACHEGAS REALIZADAS CON ANTERIORIDADE AO 01-01-1999 (DT segunda da lei)
As prestacións por xubilación e invalidez derivadas de contratos de seguro concertados con mutualidades de previsión social, cuxas achegas, realizadas con anterioridade ao un de xaneiro de 1999, fosen obxecto de minoración polo menos en parte na base impoñible, deberán integrarse na base impoñible do imposto en concepto de rendementos do traballo.
A integración farase na medida en que a contía percibida exceda das achegas realizadas á mutualidade que non puidesen ser obxecto de redución ou minoración na base impoñible do imposto de acordo coa lexislación vixente en cada momento e, polo tanto, tributasen previamente.
Se non se puidese acreditar a contía das achegas que non puidesen ser obxecto de redución ou minoración na base impoñible, integrarase o 75 por 100 das prestacións por xubilación ou invalidez percibidas.