Inclúense neste parágrafo os premios que fosen obtidos como consecuencia da participación en xogos, concursos, rifas ou combinacións aleatorias.
Non se computarán as perdas obtidas no período impositivo que excedan das ganancias obtidas no xogo no mesmo período. O dito cómputo deberase establecer no ámbito global, en canto ás obtidas pola persoa contribuínte ao longo dun mesmo período impositivo e en relación estrita cos importes ganados ou perdidos nas apostas ou xogos.
Só se computarán as perdas obtidas polo xogo cando se arrisquen cantidades de diñeiro ou obxectos economicamente avaliables en calquera forma sobre resultados futuros e incertos dependentes nalgunha medida do azar, e que permitan a súa transferencia entre os participantes, con independencia de que predomine neles o grao de destreza dos xogadores ou sexa exclusiva ou fundamentalmente de sorte, envite ou azar. Os premios poderán ser en metálico ou especie dependendo da modalidade de xogo.
Para os efectos fiscais, e de acordo co definido anteriormente, as modalidades de xogo en que non se realice ningún desembolso económico, como programas ou concursos desenvolvidos en medios de comunicación, ou combinacións aleatorias con fins publicitarios cuxa contraprestación sexa a adquisición dalgún produto sen custo adicional ningún non poderán computarse perdas en ningún caso.
Para estes efectos, en ningún caso se computarán as perdas derivadas da participación en determinados xogos (Loterías e Apostas do Estado, comunidades autónomas, sorteos da ONCE, Cruz Vermella).
Así mesmo, indicaranse nesta epígrafe as retencións e ingresos á conta practicados sobre os premios obtidos, cantidades que o programa traslada ao recadro 597 da páxina 16 da declaración.
Importante: a normativa do imposto establece que están suxeitos ao imposto a partir da cantidade de 2.500 euros, mediante un gravame especial, determinados premios (Loterías e Apostas do Estado, comunidades autónomas, premios da ONCE, Cruz Vermella etc.), excluíndo calquera gravame adicional polo IRPF, polo que estes premios non deberán consignarse na declaración
PREMIOS EN METÁLICO
A través dunha ventá de captura de datos consignarase a retención practicada e o importe íntegro do premio obtido, sen descontar a citada retención. A persoa que conceda o premio está obrigada a emitir certificación na que figuren estes conceptos. O programa acepta ata dous premios diferenciados.
PREMIOS EN ESPECIE
A través dunha ventá de captura de datos farase constar a valoración do premio (valor de mercado) e, separadamente, o ingreso á conta efectuado (cuxo importe traslada o programa ao recadro 597 da páxina 16 da declaración); conceptos que han de figurar na certificación que está obrigada a facilitar a persoa que outorgue os premios. O programa acepta ata dous premios diferenciados.
Ingreso á conta repercutido
Con carácter xeral, o "Ingreso íntegro" será a suma da "Valoración" e o "Ingreso á conta", a non ser que o importe deste último fose repercutido ao perceptor.
Nese caso consignarase neste recadro o importe do ingreso á conta repercutido, co fin de que o programa non o acumule á valoración para determinar os ingresos íntegros.