Poderá deducirse o 5 por 100 das cantidades destinadas polo contribuínte durante o período impositivo, incluídos os gastos que corresen ao seu cargo, excepto os xuros, á primeira adquisición da súa vivenda habitual, sempre que se cumpran os seguintes REQUISITOS:
• Ha de tratarse da primeira adquisición (incluíndo a construción da vivenda habitual do contribuínte. Esta dedución non se pode aplicar, non obstante, por cantidades depositadas en contas vivenda.
• A idade do contribuínte ha de ser igual ou inferior a 35 anos na data de xeración do imposto.
• Que a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro non sexa superior a 14.910,28 euros, equivalente a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). En declaración conxunta será necesario que a base impoñible da dita declaración non exceda desta contía.
Esta dedución require que o importe comprobado do patrimonio do contribuínte ao finalizar o período da imposición exceda do valor que reflectise a súa comprobación ao comezo deste en, polo menos, a contía dos investimentos realizados. Para estes efectos, non se computarán os incrementos ou diminucións de valor experimentados durante o período impositivo polos bens que ao final deste sigan formando parte do patrimonio do contribuínte. Este requisito aplícase de forma conxunta para todas as deducións para as que se esixa.
COMPATIBILIDADE: a aplicación desta dedución é compatible coa "Dedución por adquisición de vivenda habitual por discapacitados".
Non se poderá aplicar esta dedución polas cantidades polas que se aplicase a dedución "Por cantidades destinadas á adquisición ou rehabilitación de vivenda habitual procedentes de axudas públicas" (recadro 953).
Forma de cubrir
Na ventá reflectiranse as cantidades satisfeitas que dean dereito á dedución.
En caso de matrimonio, e se o importe satisfeito corresponde aos cónxuxes por partes iguais, indicarase o 50 por 100 da contía total satisfeita por ambos os cónxuxes.