Por nacemento ou adopción múltiples, durante o período impositivo, como consecuencia de parto múltiple ou de dúas ou máis adopcións constituídas na mesma data, aplicarase unha dedución de 224 euros, sempre que os fillos cumpran, pola súa vez, os demais requisitos que dean dereito á aplicación do correspondente mínimo por descendentes establecido pola normativa estatal reguladora do imposto e que a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro do contribuínte non sexa superior a 25.000 euros en tributación individual ou a 40.000 en tributación conxunta.
LÍMITE DA DEDUCIÓN
O importe íntegro da dedución só será aplicable aos contribuíntes cuxa suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro sexa inferior a 23.000 euros en tributación individual, ou inferior a 37.000 euros en tributación conxunta.
Cando a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro estea comprendida entre 23.000 e 25.000 euros en tributación individual, ou entre 37.000 e 40.000 euros en tributación conxunta, os importes e límites de dedución serán os seguintes:
a) En tributación individual, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 2000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 23.000).
b) En tributación conxunta, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 3000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 37.000).
Cando ambos os proxenitores ou adoptantes teñan dereito á aplicación desta dedución, o seu importe ratearase por partes iguais.
Esta dedución será compatible coa dedución por nacemento ou adopción, durante o período impositivo, coa dedución por nacemento ou adopción dun fillo discapacitado e coa dedución por familia numerosa.
Forma de cubrir
En caso de matrimonio, e se ambos os cónxuxes teñen dereito á dedución, deberá marcar o recadro "Común".
Noutro caso, deberá marcar o recadro "Do titular". Neste suposto deberá indicar, adicionalmente, se os fillos conviven ou non con ambos os pais ou adoptantes.