FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO B1- B2- B3- B4 - B5. DEDUCIÓNS AUTONÓMICAS > COMUNIDADE VALENCIANA

POR NACEMENTO OU ADOPCIÓN DE FILLOS (art. 4.un.a) da Lei CA 13/97)

 

Cada contribuínte ten dereito a unha dedución de 270 euros por cada fillo nacido ou adoptado durante o período impositivo, sempre que este cumpra, pola súa vez, os demais requisitos que dean dereito á aplicación do correspondente mínimo por descendentes establecido pola normativa estatal reguladora do imposto, e que a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro do contribuínte non sexa superior a 25.000 euros, en tributación individual, ou a 40.000 euros, en tributación conxunta. Este requisito será controlado polo programa.

 

LÍMITE DA DEDUCIÓN

 

O importe íntegro da dedución só será aplicable aos contribuíntes cuxa suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro sexa inferior a 23.000 euros en tributación individual, ou inferior a 37.000 euros en tributación conxunta.

Cando a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro estea comprendida entre 23.000 e 25.000 euros en tributación individual, ou entre 37.000 e 40.000 euros en tributación conxunta, os importes e límites de dedución serán os seguintes:

 

a)   En tributación individual, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 2000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 23.000).

 

b)   En tributación conxunta, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtido da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 3000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do  aforro do contribuínte e 37.000).

 

Esta dedución é compatible coa dedución por nacemento ou adopción múltiple, coa dedución por nacemento ou adopción de fillo discapacitado e a dedución por familia numerosa.

 

Cando ambos os proxenitores ou adoptantes teñan dereito á aplicación desta dedución, o seu importe ratearase entre eles por partes iguais.

 

Esta dedución pode ser aplicada tamén nos dous exercicios posteriores ao do nacemento ou

adopción (pode ser aplicada polos fillos nacidos ou adoptados en 2012 e 2013).

 

Forma de cubrir

 

En caso de matrimonio e se ambos os cónxuxes teñen dereito á dedución, deberá indicar no recadro "Común" o número de fillos nacidos ou adoptados.

 

Noutro caso, o número de fillos nacidos ou adoptados indicarase na epígrafe "Do titular". Neste suposto deberá cubrir, adicionalmente, o número de persoas que teñen dereito a aplicar a dedución con respecto a eses fillos, reflectindo nel un 1 se o dereito á dedución corresponde só ao contribuínte ou un 2 se hai dous proxenitores con dereito a esta. Cubriranse nos primeiros recadros os fillos nacidos ou adoptados no exercicio 2014 e nos seguintes os nacidos ou adoptados nos exercicios 2012 e 2013.