Por cada fillo nacido ou adoptado no período impositivo, que conviva co contribuínte na data de xeración do imposto, poderanse deducir as seguintes contías:
- 300 euros, sempre que a base impoñible total, menos os mínimos persoal e familiar para os efectos do imposto sobre a renda das persoas físicas, fose igual ou maior de 22.000,01 euros. En caso de parto múltiple, esta dedución ascenderá a 360 euros por cada fillo.
- 360 euros, sempre que a base impoñible total, menos os mínimos persoal e familiar para os efectos do imposto sobre a renda das persoas físicas, fose menor ou igual a 22.000 euros.
- As anteriores contías incrementaranse nun 20 por 100 para os contribuíntes residentes en municipios de menos de 5000 habitantes, e nos resultantes de procedementos de fusión ou incorporación.
Esta dedución estenderase aos dous períodos impositivos seguintes ao nacemento ou adopción, sempre que o fillo nacido ou adoptado conviva co contribuínte na data de xeración do imposto que corresponda a cada un deles, segundo as seguintes contías e límites de renda:
- 300 euros, sempre que a base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar para os efectos do IRPF estivese comprendida entre 22.000,01 e 31.000 euros.
- 360 euros, sempre que a base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar para os efectos do IRPF fose menor ou igual a 22.000 euros.
Cando no período impositivo do nacemento ou adopción, ou nos dous seguintes, os fillos convivan con ambos os proxenitores, a dedución practicarase por partes iguais na declaración de cada un deles.
Forma de cubrir: deberá indicar en primeiro lugar o número de fillos nacidos ou adoptados no exercicio 2014, a continuación deberá tamén facilitar a información nos recadros correspondentes se estes fillos conviven con ambos os pais e o número deles que naceron en partos múltiples. Por último, deberá indicar se ten a súa residencia habitual en municipios de menos de 5000 habitantes.
En segundo lugar, deberá indicar os fillos nacidos ou adoptados nos exercicios 2012 ou 2013 que deron dereito á dedución neses anos, e indicar ademais se conviven con ambos os pais ou adoptantes.