FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO A1 - A2 - A3 - A4 DEDUCIÓNS XERAIS DA COTA > DEDUCIÓNS POR INCENTIVOS E ESTÍMULOS AO INVESTIMENTO EMPRESARIAL > I. RÉXIME XERAL (arts. 35 a 44 do TRLIS) > DEDUCIÓNS DO EXERCICIO 2014.
POR INVESTIMENTOS OU GASTOS A QUE SE REFIREN O ARTIGO 38.2 DA LIS
 

Darán dereito a unha dedución na cota íntegra do 4 por 100 do importe dos investimentos ou gastos realizados para:

 

-   A adquisición de bens do patrimonio histórico español, realizada fóra do territorio español para a súa introdución dentro do dito territorio, sempre que os bens sexan declarados bens de interese cultural ou incluídos no Inventario xeral de bens mobles no prazo dun ano desde a súa introdución e permanezan en territorio español e dentro do patrimonio do titular durante polo menos catro anos.

A base desta dedución será a valoración efectuada pola Xunta de Cualificación, Valoración e Exportación de bens do patrimonio histórico español.

-   A conservación, reparación, restauración, difusión e exposición dos bens da súa propiedade que estean declarados de interese cultural conforme a normativa do patrimonio histórico do Estado e das comunidades autónomas, sempre e cando se cumpran as esixencias establecidas na dita normativa, en particular respecto dos deberes de visita e exposición pública dos ditos bens.

-   A rehabilitación de edificios, o mantemento e reparación dos seus tellados e fachadas, así como a mellora de infraestruturas da súa propiedade situados no contorno que sexa obxecto de protección das cidades españolas ou dos conxuntos arquitectónicos, arqueolóxicos, naturais ou paisaxísticos e dos bens declarados patrimonio mundial pola UNESCO situados en España.

 

 

POR INVESTIMENTOS EN PRODUCIÓNS CINEMATOGRÁFICAS E AUDIOVISUAIS (art. 38.2 da LIS)

 

A)  INVESTIMENTOS REALIZADOS POLO PRODUTOR (18 por 100)

 

Os investimentos en producións españolas de longametraxes cinematográficas e de series audiovisuais de ficción, animación ou documental, que permitan a confección dun soporte físico previo á súa produción industrial en serie, darán dereito ao produtor a unha dedución do 18 por 100.

 

A base da dedución estará constituída polo custo da produción, minorado na parte financiada polo coprodutor financeiro.

 

 

B)  INVESTIMENTOS REALIZADOS POLO COPRODUTOR FINANCEIRO (5 por 100)

 

O coprodutor financeiro que participe nunha produción española de longametraxe cinematográfica terá dereito a unha dedución do 5 por 100 do investimento que financie, co límite do 5 por 100 da renda do período derivada dos ditos investimentos. Este límite é aplicado e controlado polo programa.

 

Considerarase coprodutor financeiro a persoa que participe na produción das películas exclusivamente mediante a achega de recursos financeiros en contía que non sexa inferior ao 10 por 100 nin superior ao 25 por 100 do custo total de produción, a cambio do dereito a participar nos ingresos derivados da explotación destas. O contrato de coprodución, no que deberán constar as circunstancias indicadas, presentarase ante o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

 

 

REGRAS COMÚNS

 

As deducións por investimentos cinematográficos e audiovisuais practicaranse a partir do período impositivo no que finalice a produción da obra.

 

As cantidades non deducidas no dito período poderán aplicarse nas liquidacións dos períodos impositivos sucesivos, nas condicións previstas no apartado 1 do artigo 44 da Lei do imposto sobre sociedades.

 

En tal caso, o límite para o coprodutor financeiro do 5 por 100 da renda do período derivada do investimento calcularase sobre a renda derivada da coprodución que se obteña no período en que se aplique a dedución.

 

A parte do investimento financiada con subvencións non dará dereito á dedución.

 

 

POR INVESTIMENTOS EN EDICIÓN DE LIBROS (art. 38.3 da LIS)

 

Os investimentos na edición de libros que permitan a confección dun soporte físico, previo á súa produción industrial en serie, darán dereito a unha dedución do 1 por 100.

 

A parte do investimento financiada con subvencións non orixina dereito a dedución e, polo tanto, non se debe incluír.

 

Os elementos patrimoniais afectos a esta dedución deberán permanecer en funcionamento durante cinco anos, ou tres anos, se se trata de bens mobles, ou durante a súa vida útil se fose inferior (art. 44.3 da LIS).