FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO B1- B2- B3- B4 - B5. DEDUCIÓNS AUTONÓMICAS > ILLAS BALEARES

POR INVESTIMENTO NA ADQUISICIÓN DE ACCIÓNS OU PARTICIPACIÓNS SOCIAIS DE NOVAS ENTIDADES OU DE RECENTE CREACIÓN (art. 7 do Decreto lexislativo 1/2014)

 

Os contribuíntes poderán deducir o 20 por 100 das contías investidas na adquisición de accións ou participacións sociais de entidades que cumpran os requisitos expostos a continuación.

O importe máximo desta dedución será de 600 euros por exercicio. No caso de declaración conxunta, o importe será de 600 euros por cada contribuínte da unidade familiar que efectuase o investimento. A dedución aplicarase no exercicio en que se materialice o investimento e nos dous seguintes, co límite dos 600 euros anuais.

 

Requisitos

-   A participación alcanzada polo contribuínte, xunto coas do cónxuxe ou persoas unidas por razón de parentesco, en liña directa ou colateral, por consanguinidade ou afinidade, ata o terceiro grao incluído non poderá ser superior ao 40 por 100 do capital social da sociedade obxecto do investimento ou dos seus dereitos de voto.

 

-   A entidade na que debe materializarse o investimento terá que cumprir os seguintes requisitos:

A)  Ter natureza de sociedade anónima, sociedade limitada, sociedade anónima laboral ou sociedade limitada laboral.

B)  Ter o seu domicilio social e fiscal en Illas Baleares.

C)  Desenvolver unha actividade económica, esta non poderá ter por actividade principal a xestión dun patrimonio mobiliario ou inmobiliario, nin dedicarse ao arrendamento de inmobles.

D)  Contar, como mínimo, cunha persoa ocupada con contrato laboral e a xornada completa e dada de alta no réxime xeral da Seguridade Social, domiciliada en Illas Baleares e que non sexa nin socio nin partícipe da sociedade.

E)  No caso de que o investimento se efectuase a través de ampliación de capital, a sociedade mercantil debeu ser constituída nos dous últimos anos anteriores á data da dita ampliación de capital.

F)   Deberá manter os postos de traballo nos termos de persoa por ano que regula a normativa laboral.

G)  A cifra anual de negocios da entidade non poderá superar o límite de 2.000.000 de euros.

 

-   O contribuínte poderá formar parte do consello de administración da sociedade, sen que, en ningún caso, poida levar a cabo funcións executivas nin de dirección, nin manter unha relación laboral coa entidade.

-   Nas operacións nas que sexa de aplicación a dedución deberán formalizarse en escritura pública, na que deberá constar a identidade dos investidores e o importe do investimento respectivo.

-   As participacións adquiridas terán que se manter no patrimonio do contribuínte durante un período mínimo de catro anos.

-   Todos os requisitos establecidos deberán cumprirse durante un período mínimo de catro anos, que se contará desde a data de efectividade do acordo de ampliación de capital ou constitución que orixine o dereito á dedución.

 

O incumprimento dos anteriores requisitos e condicións comportará a perda do beneficio fiscal, debendo incluír na declaración do exercicio en que se producise o incumprimento a parte do imposto que se deixase de pagar, xunto cos correspondentes xuros de mora.

.

 

Forma de cubrir

 

Abrirase unha ventá de captura de datos na que deberá indicar o importe satisfeito con dereito a dedución.