• POR GASTOS E INVESTIMENTOS EN ACTIVIDADES DE INVESTIGACIÓN E DESENVOLVEMENTO
Porcentaxes de dedución
1) A realización de actividades de investigación e desenvolvemento dará dereito a practicar unha dedución da cota íntegra do 25 por 100 dos gastos efectuados no período impositivo por este concepto.
No caso de que os gastos efectuados na realización de actividades de investigación e desenvolvemento no período impositivo sexan maiores que a media dos efectuados nos dous anos anteriores, aplicarase o 25 por 100 ata a dita media, e o 42 por 100 sobre o exceso respecto desta.
Ademais da dedución que proceda conforme o disposto nos parágrafos anteriores, practicarase unha dedución adicional do 17 por 100 do importe dos gastos de persoal correspondentes a investigadores cualificados adscritos en exclusiva a actividades de investigación e desenvolvemento.
Para determinar a base da dedución, o importe dos gastos de investigación e desenvolvemento minorarase no 65 por 100 das subvencións recibidas para o fomento das ditas actividades e imputables como ingreso no período impositivo.
2) Os investimentos en elementos de inmobilizado material e intanxible, excluídos os inmobles ou terreos, sempre que estean afectos exclusivamente ás actividades de investigación e desenvolvemento, darán dereito a unha dedución do 8 por 100.
Esta dedución será incompatible para os mesmos investimentos co resto das deducións aplicables polos contribuíntes do imposto sobre a renda.
Os elementos nos que se materialice o investimento deberán permanecer no patrimonio do contribuínte, salvo perdas xustificadas, ata que se cumpra a súa finalidade específica nas actividades de investigación e desenvolvemento, a non ser que a súa vida útil fose inferior.
• POR GASTOS EN ACTIVIDADES DE INNOVACIÓN TECNOLÓXICA
A realización de actividades de innovación tecnolóxica dará dereito a practicar unha dedución do 12 por 100.
Base de dedución
A base da dedución estará constituída polo importe dos gastos do período en actividades de innovación tecnolóxica que correspondan aos seguintes conceptos:
a) Actividades de diagnóstico tecnolóxico tendentes á identificación, á definición e á orientación de solucións tecnolóxicas avanzadas, con independencia dos resultados en que culminen.
b) Deseño industrial e enxeñería de procesos de produción, que incluirán a concepción e a elaboración dos planos, debuxos e soportes destinados a definir os elementos descritivos, especificacións técnicas e características de funcionamento necesarios para a fabricación, proba, instalación e utilización dun produto, así como a elaboración de mostrarios téxtiles, da industria do calzado, do curtido, da marroquinería, do xoguete, do moble e da madeira.
c) Adquisición de tecnoloxía avanzada en forma de patentes, licenzas, "know-how" e deseños. Non darán dereito á dedución as cantidades satisfeitas a persoas ou entidades vinculadas ao suxeito pasivo. A base correspondente a este concepto non poderá superar a contía dun millón de euros anuais.
d) Obtención do certificado de cumprimento das normas de aseguramento da calidade na serie ISO 9000, GMP ou similares, sen incluír aqueles gastos correspondentes á implantación das ditas normas.
Os gastos deben corresponder a actividades efectuadas en España ou en calquera Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo. Igualmente, terán a consideración de gastos de innovación tecnolóxica as cantidades pagadas para a realización das ditas actividades en España ou en calquera Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo por encarga do suxeito pasivo, individualmente ou en colaboración con outras entidades.
Para determinar a base da dedución, o importe dos gastos en actividades de innovación tecnolóxica minorarase no 65 por 100 das subvencións recibidas para o fomento das ditas actividades e imputables como ingreso no período impositivo.