Os contribuíntes que durante o exercicio accedan a internet mediante a contratación de liñas de alta velocidade poderán deducir o 30 % das cantidades satisfeitas no concepto de cota de alta e cotas mensuais, cun límite máximo de 100 euros tanto en tributación individual como na conxunta.
Requisitos
- Só se poderá aplicar no exercicio en que se realice o contrato de conexión ás liñas de alta velocidade.
- A liña de alta velocidade contratada estará destinada a uso exclusivo do fogar e non estará vinculada ao exercicio de calquera actividade empresarial ou profesional.
- No caso de matrimonios en réxime de gananciais, para calcular o importe da dedución aplicable a cada cónxuxe en tributación individual ratearase tanto o importe satisfeito como o límite máximo da dedución. Non obstante, se cada un dos cónxuxes é titular dunha liña, cada un deles poderá aplicar a totalidade da dedución.
- Non resultará de aplicación se o contrato de conexión supón simplemente un cambio de compañía prestadora do servizo e o contrato coa compañía anterior se realizou noutro exercicio. Tampouco resultará de aplicación cando se contrate a conexión a unha liña de alta velocidade e o contribuínte manteña, simultaneamente, outras liñas contratadas en exercicios anteriores.
- O límite máximo da dedución aplícase respecto de todas as cantidades satisfeitas durante o exercicio, xa correspondan a un só contrato de conexión ou a varios que se manteñan simultaneamente.
Forma de cubrir
Deberá consignar na ventá de captura de datos o importe satisfeito durante o exercicio en concepto de cota de alta e cotas mensuais
e o número de persoas con dereito a aplicar a dedución.