Os contribuíntes poderán deducir o 15 por 100 das cantidades satisfeitas por gastos de custodia en garderías e centros escolares de fillos menores de tres anos, cun máximo de 330 euros en tributación individual e 660 euros en tributación conxunta por cada fillo desa idade.
No caso de unidades familiares compostas por un só dos pais e fillos menores, o límite máximo de dedución será de 660 euros en tributación individual ou conxunta, por cada fillo desa idade.
Requisitos
1. Que ambos os cónxuxes traballen fóra do domicilio familiar. En caso de unidades familiares monoparentais, que o pai ou a nai que ten a custodia do fillo traballe fóra do domicilio familiar.
2. Que ambos os cónxuxes, ou o pai ou a nai en caso de unidades familiares monoparentais, obteñan rendas procedentes do traballo persoal ou de actividades empresariais ou profesionais.
No caso de contribuíntes falecidos en día distinto ao 31 de decembro, non procede a aplicación da dedución ao non reunir o requisito de integración en unidade familiar.
No suposto de familias monoparentais, nas que se dea a circunstancia de garda e custodia compartida, só o pai ou a nai que forme unidade familiar cos fillos poderá aplicar a dedución.
3. Que a base impoñible xeral, menos o mínimo persoal e familiar, sexa inferior a 19.360 euros, en declaracións individuais, e inferior a 33.880 euros en declaracións conxuntas, sempre que a base impoñible do aforro, sexa cal sexa a modalidade de declaración, non supere 1.202,02 euros. No suposto de unidades familiares compostas polo pai ou a nai e os fillos menores, a base impoñible xeral, menos o mínimo persoal e familiar, debe ser inferior a 19.360 euros, sempre que a base impoñible do aforro non supere 1.202,02 euros. Estes límites serán controlados polo programa.
Familia numerosa
As unidades familiares que teñan a consideración de familia numerosa poderán aplicar esta dedución cando a base impoñible xeral menos o mínimo persoal e familiar sexa inferior a 44.000 euros, sempre que a base impoñible do aforro non supere 1.202,02 euros. Estes límites serán controlados polo programa.
Forma de cubrir
Na fila que corresponda segundo o número de orde dos fillos indicarase o importe dos gastos satisfeitos por cada fillo que cumpra os requisitos.
Cando o importe satisfeito corresponda aos cónxuxes por partes iguais, reflectiranse nos recadros correspondentes da columna "Por ambos os cónxuxes". Se os gastos corresponden só ao titular da declaración, reflectiranse na columna "Polo titular da declaración".
Se o titular da dedución forma parte dunha familia numerosa, deberá marcar o recadro correspondente da ventá de captura de datos.