FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO B1- B2- B3- B4 - B5. DEDUCIÓNS AUTONÓMICAS > CANTABRIA

POR GASTOS DE ENFERMIDADE (art. 3.7 do Decreto leXislativo 62/2008, introducido polo art. 10.4.3 da Lei 10/2013)

 

1- O contribuínte poderá deducir un 10 por 100 dos gastos e honorarios profesionais aboados durante o ano pola prestación de servizos sanitarios por motivo de enfermidade, saúde, embarazo e nacemento de fillos, accidentes e invalidez, tanto propios como das persoas que se inclúan no mínimo familiar.

 

Límites: esta dedución terá un límite anual de 500 euros en declaración individual e de 700 en declaración conxunta.

Estes límites incrementaranse en 100 euros en tributación individual cando o contribuínte sexa unha persoa con discapacidade e acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100. No caso de tributación conxunta, o incremento será de 100 euros por cada contribuínte coa dita discapacidade.

 

2- O contribuínte podera deducir un 5 por 100 das cantidades pagadas durante o ano en concepto de cotas a mutualidades ou sociedades de seguros médicos non obrigatorios, tanto propios como das persoas que se inclúan no mínimo familiar.

 

Límites: esta dedución terá un límite anual de 200 euros en tributación individual e de 300 en tributación conxunta.

Estes límites incrementaranse en 100 euros en tributación individual cando o contribuínte sexa unha persoa con discapacidade e acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100. No caso de tributación conxunta, o incremento será de 100 euros por cada contribuínte coa dita discapacidade.

 

A base conxunta desta dedución estará constituída polas cantidades xustificadas con factura e satisfeitas, mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo ou ingreso en conta en entidades de crédito, ás persoas ou entidades que presten os servizos. En ningún caso darán dereito a practicar esta dedución as cantidades satisfeitas mediante entregas de diñeiro de curso legal.

 

Forma de cubrir: deberá indicar por separado as cantidades satisfeitas pola prestación de servizos sanitarios por un lado e as cantidades satisfeitas por cotas a mutualidades ou seguros médicos por outro.