FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO B1- B2- B3- B4 - B5. DEDUCIÓNS AUTONÓMICAS > CASTELA-A MANCHA

POR FAMILIA NUMEROSA (art. 2 da Lei 8/2013, do 21 de novembro)

 

Os contribuíntes que na data de xeración do imposto teñan recoñecida a condición de familia numerosa poderán deducir as seguintes cantidades:

 

-    Familias numerosas de categoría xeral: 200 euros.

-    Familias numerosas de categoría especial: 400 euros.

 

 

A dedución será de 300 e 900 euros, respectivamente, cando algún dos cónxuxes e descendentes aos que lles sexa de aplicación o mínimo persoal e familiar do imposto teñan acreditado un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100 e xeren o dereito á aplicación do mínimo por discapacidade.

 

Requisitos:

A suma da base impoñible xeral e a do aforro non debe superar a cantidade de 27.000 euros en tributación individual ou a de 36.000 euros en tributación conxunta.

Cando dous ou máis contribuíntes teñan dereito á aplicación da dedución polos mesmos descendentes e algún deles non cumpra os requisitos establecidos no punto anterior, o importe da dedución para os demais contribuíntes quedará reducido á proporción que resulte da aplicación das normas para o rateo do mínimo por descendentes prevista na lexislación estatal.

 

 

Forma de cubrir

 

Indicarase a través dunha ventá de captura de datos a seguinte información:

 

-   A dedución corresponderalle a quen posúa o título de familia numerosa (normalmente os pais). En caso de matrimonio, cando a dedución corresponda a ambos os cónxuxes, marcarase cunha X na columna "Común" a categoría de familia numerosa na que estea clasificado.

 

-   En caso contrario, marcarase na columna "Do titular".

 

-   Débese indicar, ademais, o número de persoas que terían dereito a aplicar a dedución sen ter en conta a contía da súa renda: 1. Cando só podería aplicala o titular seleccionado; 2. Cando puidesen aplicala dúas persoas etc.