FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO B1- B2- B3- B4 - B5. DEDUCIÓNS AUTONÓMICAS > GALICIA

POR FAMILIA NUMEROSA (art. 5.3 do Decreto lexislativo 1/2011)

 

O contribuínte que posúa o título de familia numerosa na data de xeración do imposto poderá deducir as seguintes cantidades:

 

-   250 euros, cando se trate de familia numerosa de categoría xeral.

-   400 euros, cando se trate de familia numerosa de categoría especial.

 

Cando algún dos cónxuxes ou descendentes aos que sexa de aplicación o mínimo persoal e familiar do imposto teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %, a dedución anterior será de 500 e 800 euros, respectivamente. Para estes efectos as persoas cuxa incapacidade fose recoñecida xudicialmente considerarase que teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia do grao de discapacidade que teñan recoñecido.

 

Esta dedución será practicada polo contribuínte con quen convivan os restantes membros da familia numerosa. Cando estes convivan con máis dun, o importe da dedución ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.

 

A práctica desta dedución quedará condicionada á xustificación documental adecuada e suficiente do presuposto de feito e os requisitos que determinan a súa aplicabilidade.

 

 

Forma de cubrir

 

Indicarase a través dunha ventá de captura de datos a seguinte información:

 

-   A dedución corresponderá a quen posúa o título de familia numerosa (normalmente os pais). En caso de matrimonio, cando a dedución corresponda a ambos os cónxuxes, marcarase cunha X na columna "Común" a categoría de familia numerosa na que se encontre clasificado.

 

-   En caso contrario, marcarase na columna "Do Titular"  e deberase indicar, ademais, o número de persoas que teñen dereito á dedución:"1", cando só poida aplicala o titular seleccionado; "2" cando poidan aplicala dúas persoas etc.