FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO B1- B2- B3- B4 - B5. DEDUCIÓNS AUTONÓMICAS > CANARIAS

POR DOAZÓNS PARA A REHABILITACIÓN E CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO HISTÓRICO DE CANARIAS (art. 4 do Decreto lexislativo 1/2009, do 21 de abril)

 

Por doazóns para a rehabilitación ou conservación do patrimonio histórico de Canarias, o 20 por 100 das cantidades doadas, co límite do dez por cento da cota íntegra autonómica.

O importe da dedución non poderá exceder de 150 euros, tanto en tributación individual coma en conxunta.

A dedución practicarase sobre as cantidades doadas para a rehabilitación ou conservación de bens que se encontren no territorio de Canarias que formen parte do seu patrimonio histórico e se encontren inscritos no Rexistro Canario de Bens de Interese Cultural ou incluídos no Inventario de bens mobles a que se refire a Lei 4/1999, do 15 de marzo, do patrimonio histórico de Canarias. Así mesmo, cando se trate de edificios catalogados formando parte dun conxunto histórico de Canarias será preciso que esas doazóns se realicen a favor de calquera das seguintes entidades:

 

-   As administracións públicas, así como as entidades e institucións dependentes destas.

-   A Igrexa Católica e as igrexas, confesións ou comunidades relixiosas que teñan acordos de cooperación co Estado español.

-   As fundacións ou asociacións que, reunindo os requisitos establecidos na Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos ao mecenado, inclúan entre os seus fins específicos a reparación, conservación ou restauración do patrimonio histórico.

 

Para acreditar o dereito á dedución, o contribuínte debe estar en posesión do correspondente certificado emitido pola entidade donataria no que consten os requisitos esixidos polo artigo 5 do Decreto lexislativo 1/2009, da Comunidade Autónoma de Canarias: NIF do doador e da donataria, data e importe do donativo, así como o carácter irrevogable deste e a súa aceptación pola donataria.

 

Forma de cubrir

 

Na ventá de captura de datos, indicaranse as cantidades doadas, tendo en conta que polas doazóns que correspondan aos cónxuxes por partes iguais se reflectirá o 50 por 100 da totalidade das cantidades doadas.