A través dunha ventá de captura de datos deberá indicarse o número de persoas discapacitadas que orixinan dereito a esta dedución autonómica, contando o propio declarante ou o cónxuxe cando estes sexan discapacitados.
A) As persoas afectadas por discapacidade que orixinan dereito a esta dedución son:
O propio declarante ou, se é o caso, calquera dos membros da unidade familiar que teñan a consideración legal de persoa con discapacidade física ou psíquica.
No caso de que os cónxuxes optasen pola tributación individual e teñan dereito á aplicación do mínimo por descendentes, cada un terá dereito a aplicar integramente a dedución.
Tamén resulta aplicable a dedución pola discapacidade do cónxuxe, ao formar parte da unidade familiar, con independencia de que este último a aplique na súa propia declaración.
Importe da dedución
a) Discapacidade física ou sensorial de grao igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 80 euros.
b) Discapacidade física ou sensorial de grao igual ou superior ao 65 %: 150 euros.
c) Discapacidade psíquica de grao igual ou superior ao 33 %: 150 euros.
B) Para ter dereito á dedución esíxense os seguintes REQUISITOS:
• Residencia na comunidade autónoma: o declarante e as persoas que orixinan dereito á dedución han de ser residentes na Comunidade Autónoma das Illas Baleares.
• Ter unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 por 100.
• A suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, menos o mínimo do contribuínte e o mínimo por descendentes, non pode superar 12.000,00 euros, en caso de tributación individual, e 24.000,00 euros, en caso de tributación conxunta. Este límite é aplicado e controlado polo programa.
Forma de cubrir
Deberá indicar, en función do grao e tipo de discapacidade, o número de persoas polas que o declarante pode aplicar a dedución: o propio declarante cando sexa discapacitado e os seus descendentes integrantes da unidade familiar que tamén o sexan.
No suposto de que vaia optar pola declaración conxunta deberá indicar tamén o número de persoas polas que se pode aplicar a dedución nese tipo de declaración.