FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO B1- B2- B3- B4 - B5. DEDUCIÓNS AUTONÓMICAS > GALICIA

POR CREACIÓN DE NOVAS EMPRESAS OU AMPLIACIÓN DE ACTIVIDADE DE EMPRESAS DE RECENTE CREACIÓN

 

Os contribuíntes poderán deducir na cota íntegra autonómica o 20 por 100 das cantidades investidas durante o exercicio na adquisición de accións ou participacións sociais como consecuencia de acordos de constitución de sociedades ou de ampliación de capital en sociedades anónimas, limitadas, anónimas laborais ou limitadas laborais, cun límite máximo de 4.000 euros.

 

Deberanse cumprir os seguintes requisitos:

 

a) A participación do contribuínte, computada xunto coa do cónxuxe ou persoas unidas por razón de parentesco, en liña directa ou colateral, por consanguinidade ou afinidade ata o terceiro grao incluído, non pode ser superior ao 40 por 100 nin inferior ao 1 por 100 do capital social da sociedade obxecto do investimento ou dos seus dereitos de voto en ningún momento e dos tres anos seguintes á constitución ou ampliación.

b) A entidade en que hai que materializar o investimento debe cumprir os seguintes requisitos:

 

1. Debe ter o domicilio social e fiscal en Galicia e mantelo durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación.

 

2. Debe desempeñar unha actividade económica durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación. Para tal efecto, non ha de ter por actividade principal a xestión dun patrimonio mobiliario ou inmobiliario.

 

3. Debe contar, como mínimo, con dúas persoas ocupadas con contrato laboral e a xornada completa, dadas de alta no réxime xeral da Seguridade Social, e con residencia habitual en Galicia. O contrato terá unha duración mínima dun ano e deberá formalizarse dentro dos dous anos seguintes á constitución ou ampliación, salvo no caso de sociedades laborais ou sociedades cooperativas.

 

4. En caso de que o investimento se realizase mediante unha ampliación de capital, ou o préstamo ou garantía se realizase no exercicio dunha ampliación, a sociedade mercantil debeu ser constituída nos tres anos anteriores á data desta ampliación, e ademais, durante os 24 meses seguintes á data do inicio do período impositivo do imposto sobre sociedades en que se realizase a ampliación, o seu cadro de persoal medio con residencia habitual en Galicia se incrementase, polo menos nunha persoa con respecto ao cadro de persoal medio con residencia habitual en Galicia nos 12 meses anteriores, e que o devandito incremento se manteña durante un período adicional doutros 12 meses, salvo no caso de sociedades laborais ou sociedades cooperativas.

 

Para o cálculo do cadro de persoal medio total da empresa e do seu incremento tomaranse as persoas empregadas, nos termos que dispoña a lexislación laboral, tendo en conta a xornada contratada en relación coa xornada completa.

 

c) As operacións en que sexa de aplicación a dedución deben formalizarse en escritura pública, na cal ha de especificarse a identidade dos investidores e o importe do investimento respectivo.

d) As participacións adquiridas deben manterse no patrimonio do contribuínte durante un período mínimo de tres anos, seguintes á constitución ou ampliación. No  caso de préstamos, estes deben referirse ás operacións de financiamento cun prazo superior a cinco anos, e non se pode amortizar unha cantidade superior ao 20 % anual do importe do principal prestado. No caso de garantías, estas estenderanse a todo o tempo de vigencia da operación garantida, e non pode ser inferior a cinco anos.

 

 

Forma de cubrir: deberá indicar na casa habilitada para o efecto, as cantidades investidas con dereito a dedución.

 

En caso de matrimonio, e se o investimento é común a ambos os dous, deberá consignar o 50 % na declaración de cada cónxuxe.