Por conciliación do traballo coa vida familiar: 418 euros por cada fillo maior de tres anos e menor de cinco anos. Esta dedución corresponderalle exclusivamente á nai.
Nos supostos de adopción, a dedución poderá practicarse, con independencia da idade do menor, durante o cuarto e quinto ano seguinte á data da inscrición no Rexistro Civil.
En caso de falecemento da nai ou cando a garda e custodia se atribúa de forma exclusiva ao pai, este terá dereito á práctica da dedución pendente, sempre que cumpra os demais requisitos.
Cando existan varios
contribuíntes con dereito á aplicación desta dedución con respecto a un mesmo
fillo, o seu importe ratearase entre eles por partes
iguais.
Requisitos
1. Os fillos que xeren o dereito á dedución deben dar dereito tamén ao mínimo por descendentes.
2. A nai debe realizar unha actividade por conta propia ou allea pola cal estea dada de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade.
3. Que a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro do contribuínte non sexa superior a 25.000 euros en tributación individual ou a 40.000 en tributación conxunta.
A dedución calcularase de forma proporcional ao número de meses en que se cumpran de forma simultánea os requisitos anteriores, entendéndose para tal efecto que:
- A determinación dos fillos que dan dereito á dedución se realizará de acordo coa súa situación o último día de cada mes.
- O requisito de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade se cumpre os meses en que esta situación se produza en calquera día do mes.
Límite
A dedución terá como límite para cada fillo as cotizacións e cotas totais á Seguridade Social e mutualidades de carácter alternativo xeradas en cada período impositivo.
As ditas cotizacións deberon
xerarse desde o día en que o menor cumpra os tres anos e ata o día anterior ao
que cumpra os cinco anos.
Para os efectos do cálculo deste límite computaranse as cotizacións e cotas polos seus importes íntegros, sen tomar en consideración as bonificacións que puidesen corresponder.
LÍMITE DA DEDUCIÓN
O importe íntegro da dedución só será aplicable aos contribuíntes cuxa suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro sexa inferior a 23.000 euros en tributación individual, ou inferior a 37.000 euros en tributación conxunta.
Cando a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro estea comprendida entre 23.000 e 25.000 euros en tributación individual, ou entre 37.000 e 40.000 euros en tributación conxunta, os importes e límites de dedución serán os seguintes:
a) En tributación individual, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 2000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 23.000).
b) En tributación conxunta, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 3000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 37.000).
Forma de cubrir
Abrirase unha ventá de captura de datos na que deberá facilitar a información necesaria para calcular o importe da dedución:
1. Deberá indicar na epígrafe correspondente da ventá o período en que realiza unha actividade por conta propia ou allea, marcando os meses do ano 2014 nos que realiza a actividade. Se a actividade se realiza durante todo o ano, deberá marcar cunha X o recadro indicado ao inicio da ventá.
2. Deberá consignar na epígrafe correspondente da ventá o importe das cotizacións á Seguridade Social (ou mutualidade alternativa) en cada mes do exercicio 2014. Non obstante, se as cotizacións de cada mes son iguais ou superiores a 34,83 euros (418/12), non será necesario consignalas, senón que deberá marcar cunha X o recadro establecido para o efecto.
3. Cando existan varios contribuíntes con dereito á aplicación desta dedución, deberá indicar o número de persoas con dereito á súa aplicación.