Aqueles contribuíntes que por motivos de traballo, sexa este por conta propia ou allea, teñan que deixar os seus fillos menores ao coidado dunha persoa que teña a condición de empregada de fogar ou en escolas infantís 0-3 anos poderán deducir o 30 por 100 das cantidades satisfeitas no período, co límite máximo de 400 euros, sempre e cando se cumpran os seguintes REQUISITOS:
1- Que na data de xeración do imposto os fillos convivan co contribuínte e teñan tres ou menos anos de idade.
2- Que ambos os pais realicen unha actividade por conta propia ou allea, pola cal estean dados de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade. Se un dos pais realiza as ditas actividades durante unha parte do ano, a dedución aplicarase polas cantidades satisfeitas durante o tempo no que ambos os cónxuxes realizan actividades por conta propia ou allea.
3- Que, no suposto de que a dedución sexa aplicable por gastos dunha persoa empregada de fogar, esta estea dada de alta no réxime especial de empregados de fogar da Seguridade Social.
A práctica desta dedución quedará condicionada á xustificación documental adecuada e suficiente do presuposto de feito e os requisitos que determinan a súa aplicabilidade.
Cando, cumprindo estes requisitos, dous contribuíntes teñan dereito á aplicación desta dedución, o seu importe ratearase a partes iguais na declaración de cada un deles.
Límite de base impoñible
Ademais, para aplicar esta dedución é necesario que a base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar non supere 22.000 euros en tributación individual e de 31.000 euros en tributación conxunta. Este límite é controlado polo programa.
Forma de cubrir
Cando se cumpran os requisitos sinalados anteriormente, a través dunha ventá de captura de datos deberá indicarse o importe satisfeito.
En caso de matrimonio e se o gasto corresponde a ambos os cónxuxes, indicará o importe total satisfeito por ambos na epígrafe "Por ambos os cónxuxes".
Noutro caso faranse constar no recadro "Polo titular da declaración" as cantidades satisfeitas por el e indicarase, adicionalmente, o número de persoas que teñen dereito a aplicar a dedución:"1", cando só poida aplicala o titular seleccionado; "2", cando poidan aplicala dous contribuíntes etc.