O contribuínte poderá deducir da cota íntegra autonómica 150 euros por cada ascendente ou descendente con discapacidade física, psíquica ou sensorial que teña a consideración legal de discapacitado cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65 % segundo o baremo a que se refire o artigo 148 do texto refundido de Lei xeral da Seguridade Social.
Requisitos
- O ascendente ou descendente discapacitado debe convivir co contribuínte de forma ininterrompida polo menos durante a metade do período impositivo. Cando dous ou máis contribuíntes co mesmo grao de parentesco teñan dereito á aplicación desta dedución respecto dunha mesma persoa, o seu importe ratearase entre eles por partes iguais. Cando os contribuíntes teñan distinto grao de parentesco respecto do discapacitado, a aplicación da dedución corresponderá ao de grao máis próximo. A dedución será aplicable en caso de parentesco por afinidade.
- A suma da base impoñible xeral e do aforro do contribuínte non sexa superior a 19.000 euros en declaración individual ou a 24.000 euros en declaración conxunta (este requisito será controlado polo programa). Existindo máis dun contribuínte que conviva co discapacitado, e para o caso de que só un deles reúna o requisito de límite de renda, este poderá aplicar a dedución completa.
- As rendas xeral e do aforro do ascendente ou descendente discapacitado non deben ser superiores ao dobre do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM 2009: 7.455,14 euros), incluídas as exentas.
- O ascendente ou descendente discapacitado non debe ter a obriga legal de presentar declaración polo imposto sobre o patrimonio.
- Debe acreditarse a convivencia efectiva polos servizos sociais de base ou por calquera outro organismo público competente.
Forma de cubrir
En caso de matrimonio cando ambos os cónxuxes teñan dereito a aplicar a dedución reflectirase na epígrafe "Común" o número de persoas que xeren o dereito á dedución.
Noutro caso, reflectirase na epígrafe "Titular" o número de persoas que dan dereito á dedución e indicarase adicionalmente o número de persoas que teñen dereito a aplicar a dedución por eses mesmos ascendentes ou descendentes.