Os propietarios de montes situados no territorio da Comunidade Autónoma do Principado de Asturias poderán aplicar unha dedución do 30 por cento das cantidades investidas durante o exercicio para a obtención da certificación da xestión forestal sostible outorgada pola entidade solicitante da Certificación Forestal Rexional do Principado de Asturias ou entidade equivalente.
A dedución aplicarase no exercicio no que se obtivo a certificación da xestión forestal sostible.
Cando exista máis dun contribuínte con dereito á aplicación da dedución en relación cos mesmos bens e aqueles realicen declaración individual do imposto, a dedución ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.
IMPORTE MÁXIMO DA DEDUCIÓN
O importe máximo da dedución será de 1.000 euros por contribuínte.
A dedución aplicable en tributación conxunta será a suma da que lle corresponda a cada un dos membros da unidade familiar que teñan dereito a ela sen que o seu importe total poida exceder de 1.000 euros.
BASE DA DEDUCIÓN
A base da dedución constitúena as cantidades investidas durante o exercicio na obtención da certificación da xestión forestal sostible, incluíndo todos os custos asociados ao logro da propia certificación e excluíndo as subvencións que, se é o caso, recibise o propietario do terreo para ese fin.
Nota:
Entenderase polos “mesmos bens”, para os efectos de aplicar o rateo da dedución, os montes –definidos no artigo 5 da Lei do Principado de Asturias 3/2004, do 23 de novembro, de montes e ordenación forestal– que constitúan un terreo ou parcela independente, con referencia catastral que o identifique delimitando o seu ámbito espacial, pertencentes a varios donos pro indiviso ou en réxime de copropiedade.
Forma de cubrir: deberá indicar o importe satisfeito por cada certificación con dereito á dedución, indicando tamén, se é o caso, o número de persoas con dereito á dedución.