FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO B1- B2- B3- B4 - B5. DEDUCIÓNS AUTONÓMICAS > GALICIA

POR ALUGAMENTO DA VIVENDA HABITUAL (art. 5.7 do Decreto lexislativo 1/2011)

O contribuínte poderá deducir o 10 por 100 das cantidades que satisfixese durante o período impositivo en concepto de alugamento da súa vivenda habitual, cun límite de 300 euros por contrato de arrendamento tanto en tributación individual como na conxunta.

 

Requisitos

 

a)   O contribuínte debe ter 35 anos ou menos na data de xeración do imposto.

b)   O contrato de arrendamento debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2003.

c)   Que estea en posesión do xustificante de constituír o depósito da fianza a que se refire o artigo 36.1 da Lei 29/1994, de arrendamentos urbanos, no Instituto Galego da Vivenda e Solo ou ben copia compulsada da denuncia presentada ante o dito organismo por non entregarlle o dito xustificante a persoa arrendadora.

d)   A base impoñible, antes da aplicación das reducións por mínimo persoal e familiar, non debe superar 22.000 euros, tanto en tributación individual como na conxunta. Este requisito será controlado polo programa.

 

Cando dous contribuíntes teñan dereito á aplicación da dedución, o importe total sen exceder do límite establecido por contrato de arrendamento ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.

 

Unha mesma persoa non poderá gozar dunha dedución superior a 300 euros.

 

A práctica desta dedución quedará condicionada á súa xustificación documental.

 

No suposto de matrimonios en réxime de gananciais, a dedución corresponderá aos cónxuxes por partes iguais, aínda que o contrato de arrendamento estea só a nome dun deles.

 

Tributación conxunta

 

En caso de tributación conxunta, o requisito da idade deberá cumprilo polo menos un dos cónxuxes ou, se é o caso, o pai ou a nai.

 

Forma de cubrir

 

A través da ventá de captura de datos, o contribuínte fará constar:

 

•    O importe total satisfeito polo contribuínte titular da dedución. O programa admite un máximo de tres contratos de arrendamento.

•    O número de persoas con dereito a aplicar a dedución por un mesmo contrato de arrendamento.

•    O NIF do arrendador.

•    Se o arrendador non ten NIF, deberá consignar o número de identificación no país de residencia.