Os contribuíntes poderán deducir o 10 por 100, ata un máximo de 300 euros anuais, das cantidades satisfeitas no período impositivo en concepto de alugamento da vivenda habitual, sempre que cumpran os seguintes requisitos.
Requisitos
1- Para a aplicación desta dedución deberá cumprirse algunha das seguintes situacións:
- Ter 32 anos ou menos na data de xeración do imposto.
- Estar en paro durante 183 días ou máis durante o exercicio.
- Ter un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100.
- Ser viúvo ou viúva e ter sesenta e cinco anos ou máis.
2- A base impoñible total, menos o mínimo persoal e familiar, non debe superar a contía de 20.000 euros en tributación individual e 30.000 euros en tributación conxunta. Este requisito é controlado polo programa.
3- As cantidades satisfeitas en concepto de alugamento deben exceder do 10 por 100 dos rendementos netos. Este requisito é controlado polo programa.
Familias numerosas
No suposto de que os contribuíntes pertenzan a unha familia numerosa, o importe máximo deducible elevarase a 600 euros, sen que sexa necesario neste caso que se cumpra ningunha das situacións establecidas no punto 1 anterior.
Consideraranse familias numerosas as definidas pola Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.
Tributación conxunta
No caso de tributación conxunta, o importe máximo da dedución elévase a 600 euros.
En tributación conxunta bastará que un dos cónxuxes cumpra os requisitos esixidos.
Importante
1. Unha mesma vivenda non pode dar lugar á aplicación dun importe superior a 600 euros. Polo tanto, se en relación cunha mesma vivenda resultase que máis dun contribuínte ten dereito á dedución, cada un deles poderá aplicar na súa declaración unha dedución polo importe que se obteña de dividir a cantidade resultante da aplicación do 10 por 100 do gasto total ou o límite máximo de 600 euros se procede, polo número de declarantes con dereito á dedución.
2. Os contribuíntes deben identificar o arrendador da vivenda facendo constar o seu NIF no recadro correspondente da ventá da dedución por alugamento.
Forma de cubrir
A través da ventá de captura de datos o contribuínte fará constar:
• O importe total satisfeito polo contribuínte titular da dedución polo arrendamento dunha mesma vivenda. O programa admite un máximo de tres vivendas.
• O número de persoas con dereito a aplicar a dedución por unha mesma vivenda.
• O NIF do arrendador. Se o arrendador non ten NIF, deberá consignar o número de identificación no país de residencia.
• Marcarase cunha X se estivo en paro máis de 183 días durante o exercicio 2014.
• Se o titular da dedución forma parte dunha familia numerosa consignarase unha X no recadro correspondente.
Nota: no caso de matrimonios en réxime económico de gananciais cando o contrato de aluguer só estea a nome dun dos cónxuxes, os declarantes poderán optar entre aplicar o 50 % da dedución cada un deles, ou ben aplicar o 100 % da dedución o titular do contrato.