FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO B1- B2- B3- B4 - B5. DEDUCIÓNS AUTONÓMICAS > ASTURIAS

POR ADQUISICIÓN OU ADECUACIÓN DE VIVENDA HABITUAL PARA CONTRIBUÍNTES COS QUE CONVIVAN OS SEUS CÓNXUXES,  ASCENDENTES OU DESCENDENTES CON DISCAPACIDADE (art. 5 do Decreto lexislativo 2/2014)

 

Os contribuíntes cos que convivan os seus cónxuxes, ascendentes ou descendentes discapacitados poderán deducir o 3 por 100 das cantidades investidas no exercicio na adquisición ou adecuación da vivenda que constitúa ou vaia constituír a súa residencia habitual, a excepción da parte das ditas cantidades correspondente a xuros.

 

 Requisitos

 

•    O cónxuxe, ascendente ou descendente discapacitado ha de convivir co contribuínte durante máis de 183 días ao ano.

•    O cónxuxe, ascendente ou descendente deberá acreditar un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100.

•    O cónxuxe, ascendente ou descendente que xere o dereito á dedución non poderá ter rendas anuais, incluídas as exentas, superiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (o IPREM para 2014 estableceuse en 7.455,14 euros anuais).

•    A base máxima da dedución será de 13.664 euros, tanto en tributación individual coma en tributación conxunta.

•    Esta dedución será en todo caso incompatible coa dedución por adquisición ou adecuación de vivenda habitual para contribuíntes discapacitados.

•    A adquisición ou, se é o caso, as obras e instalacións en que a adecuación consista deberán resultar estritamente necesarias para a accesibilidade e comunicación sensorial que facilite o desenvolvemento digno e adecuado das persoas con discapacidade.

•    Para os efectos da aplicación da dedución terase en conta o parentesco por afinidade, sempre que non exista un parente de grao máis próximo con dereito á dedución.

 

Cando dous ou máis contribuíntes teñan dereito á aplicación da dedución respecto dos mesmos ascendentes ou descendentes para un mesmo período impositivo, a base máxima da dedución ratearase por partes iguais. Non obstante, cando os contribuíntes teñan distinto grao de parentesco co ascendente ou descendente, a aplicación da dedución corresponderá aos de grao máis próximo.

 

Forma de cubrir

 

Reflectiranse as cantidades investidas polo titular da dedución na adquisición ou adecuación da vivenda, a excepción da parte das ditas cantidades correspondente a xuros.

 

En caso de matrimonio e se o investimento corresponde a ambos os cónxuxes por partes iguais, indicarase o 50 por 100 das cantidades satisfeitas por ambos.

 

En todo caso deberá indicarse o número de contribuíntes que teñen dereito a aplicar a dedución.