O contribuínte poderá deducir durante cinco anos, o 7,5 por 100 das cantidades satisfeitas pola adquisición da vivenda que vaia constituír a súa residencia habitual. Debe cumprir simultaneamente os seguintes requisitos:
- Que teña a súa residencia habitual en Castela e León.
- Que se trate da súa primeira vivenda.
- Que a vivenda se encontre situada en Castela e León.
- Que se trate de vivenda de nova construción. Terán a consideración de vivenda de nova construción aquelas situadas en edificacións para as cales o visado do proxecto de execución de nova construción se obtivese entre o día 1 de setembro de 2011 e o día 31 de decembro de 2012.
A base da dedución estará constituída polas cantidades satisfeitas para a adquisición, incluídos os gastos a cargo do adquirente e, no caso de financiamento alleo, a amortización, os xuros, o custo dos instrumentos de cobertura de risco de tipo de interese variable dos préstamos hipotecarios e demais gastos derivados desta. En caso de aplicación dos citados instrumentos de cobertura, os xuros satisfeitos polo contribuínte minoraranse nas cantidades obtidas pola aplicación do citado instrumento.
A base máxima da dedución será de 9.040 euros anuais.
Cando se adquira unha vivenda habitual e se tivesen deducións por adquisición doutras vivendas habituais anteriores, non se poderá practicar dedución pola adquisición da nova en tanto as cantidades investidas nesta non superen as investidas nas anteriores, na medida en que fosen obxecto de dedución.
Cando o alleamento dunha vivenda habitual xerase unha ganancia patrimonial exenta por reinvestimento, a base de dedución pola adquisición da nova minorarase no importe da ganancia patrimonial á que se lle aplique a exención por reinvestimento. Neste caso, non se poderá practicar dedución pola adquisición da nova mentres as cantidades investidas nesta non superen tanto o prezo da anterior, na medida en que fose obxecto de dedución, como a ganancia patrimonial exenta por reinvestimento.
A dedución poderase aplicar no exercicio tributario en que se satisfaga a primeira cantidade para a adquisición da vivenda e nos catro exercicios tributarios seguintes.
Cando en períodos impositivos posteriores ao da súa aplicación se perda o dereito, en todo ou en parte, ás deducións practicadas, o contribuínte estará obrigado a sumarlle á cota líquida autonómica xerada no exercicio en que se incumprisen os requisitos da dedución as cantidades indebidamente deducidas, máis os xuros de mora.
Forma de cubrir
Abrirase unha ventá na que deberá cubrir de maneira obrigatoria os tres campos seguintes: o importe total satisfeito con dereito a dedución, seguidamente deberá indicar a data do visado do proxecto de execución de obra nova da vivenda, para, finalmente, indicar o exercicio no que se satisfixo a primeira cantidade para a adquisición, para efectos do cómputo de dedución do período establecido de 5 anos.