100 euros por cada fillo que, na data de xeración do imposto, se encontre escolarizado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou en unidades de educación especial, nun centro público ou privado concertado.
REQUISITOS
1. Que os fillos aos que se refire a dedución dean dereito á aplicación do correspondente mínimo por descendentes establecido na normativa estatal.
2. Que o contribuínte se encontre en situación de desemprego e inscrito como demandante de emprego nun servizo público de emprego. Cando os pais vivan xuntos, esta circunstancia poderá cumprila o outro proxenitor ou adoptante.
3. Que a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro non sexa superior a 25.000 euros en tributación individual ou a 40.000 euros en tributación conxunta.
Cando dous contribuíntes teñan dereito á aplicación desta dedución, o seu importe ratearase entre eles a partes iguais.
LÍMITE DA DEDUCIÓN
O importe íntegro da dedución só será aplicable aos contribuíntes cuxa suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro sexa inferior a 23.000 euros en tributación individual, ou inferior a 37.000 euros en tributación conxunta.
Cando a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro estea comprendida entre 23.000 e 25.000 euros en tributación individual, ou entre 37.000 e 40.000 euros en tributación conxunta, os importes e límites de dedución serán os seguintes:
a) En tributación individual, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 2000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 23.000).
b) En tributación conxunta, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 3000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 37.000).
O importe desta dedución ratearase polo número de días do período impositivo nos que se cumpra o requisito da anterior alínea 2. Para estes efectos, cando os pais que vivan xuntos cumpran o dito requisito, terase en conta a suma dos días de ambos, co límite do período impositivo.
Como a dedución atende ás circunstancias persoais e familiares na data de xeración do imposto, exclúese da súa aplicación tanto aos fillos falecidos no ano coma aos que non estean cursando os estudos esixidos, aínda que nun ou noutro caso cursasen os ditos estudos nunha parte do ano.
Forma de cubrir
Abrirase unha ventá na que deberá indicar o número de fillos polos que pode aplicar a dedución, distinguindo entre:
1. Que exista convivencia entre os pais.
2. Que non exista convivencia entre os pais.
Posteriormente deberá indicar o número de persoas que teñen dereito a aplicar a dedución polos mesmos fillos.
Adicionalmente deberá indicar no número 3 o número de días no que o titular da declaración se encontra en situación de desemprego e inscrito como demandante de emprego nun servizo público de emprego. Só no caso de que existise convivencia entre os pais, deberá indicar tamén os mesmos datos sobre o outro proxenitor.