Os contribuíntes poderán deducir a cantidade de 300 euros por cada menor en réxime de acollemento familiar simple, permanente, provisional ou preadoptivo, administrativo ou xudicial, formalizado polo órgano competente en materia de menores da Xunta de Galicia.
No caso de acollemento de menores por matrimonio ou polas parellas de feito ás que se refire a disposición adicional terceira da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, o importe da dedución ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles, se optasen pola declaración individual.
REQUISITOS E OUTRAS CONDICIÓNS
− O contribuínte debe convivir co menor 183 ou máis días durante o período impositivo. Se o tempo de convivencia durante o período impositivo fose inferior a 183 días e superior a 90 días, o importe da dedución por cada menor acollido será de 150 euros.
− O menor non debe ter relación de parentesco co contribuínte.
− Non existirá dereito á dedución no suposto de acollemento familiar preadoptivo cando se producise a adopción do menor durante o período impositivo, sen prexuízo da aplicación, se é o caso, da dedución por adopción.
− A práctica desta dedución quedará condicionada á xustificación documental adecuada e suficiente do suposto de feito e aos requisitos que determinen a súa aplicabilidade.
Forma de cubrir
Abrirase unha ventá de captura de datos na que deberá indicar o número de menores acollidos que xeran dereito á dedución tendo en conta o período de acollemento.
No caso de matrimonio, cando ambos os cónxuxes teñan dereito a aplicar a dedución, indicarase no recadro "Común". Noutro caso, indicarase no recadro "Titular" e indicarase adicionalmente o número de persoas que teñen dereito a aplicar a dedución.