FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO B1- B2- B3- B4 - B5. DEDUCIÓNS AUTONÓMICAS > MADRID

POR ACOLLEMENTO FAMILIAR DE MENORES (art. 6 do Decreto lexislativo CA 1/2010)

 

Por cada menor en réxime de acollemento familiar simple, permanente ou preadoptivo, administrativo ou xudicial, sempre que convivan co menor durante máis de 183 días do período impositivo, poderán deducirse as cantidades seguintes:

 

a)   600 euros se se trata do primeiro menor en réxime de acollemento familiar.

b)   750 euros se se trata do segundo menor en réxime de acollemento familiar.

c)   900 euros se se trata do terceiro menor en réxime de acollemento familiar ou sucesivo.

 

Para os efectos de determinar o número de orde do menor acollido, soamente se computarán aqueles menores que permanecesen acollidos durante máis de 183 días do período impositivo. En ningún caso se computarán os menores que fosen adoptados durante o dito período impositivo.

 

Importante

Non se aplicará esta dedución no suposto de acollemento familiar preadoptivo cando se producise a adopción do menor durante o período impositivo, sen prexuízo da aplicación da dedución por nacemento ou adopción de fillos.

 

Para aplicar a dedución, a suma da base impoñible xeral e a do aforro non pode exceder de 25.620 euros e de 36.200 euros se se trata de tributación conxunta. Este requisito é controlado polo programa.

 

Se o acollemento é realizado por matrimonios ou unións de feito, o importe da dedución ratearase por partes iguais se optasen por tributación individual.

 

Os contribuíntes deberán de estar en posesión do correspondente certificado acreditativo da formalización do acollemento, expedido pola consellería competente na materia.

 

Forma de cubrir

 

En caso de matrimonio, se o acollemento foi realizado por ambos os cónxuxes e representan para ambos o mesmo número de orde, o número de menores acollidos, segundo o seu número de orde, deberá indicarse na epígrafe "Común" que corresponda.

 

Noutro caso, o número de persoas acollidas, segundo o seu número de orde, reflectirase na epígrafe "Do Titular". Neste suposto deberá indicarse adicionalmente se o acollemento foi realizado por un matrimonio ou unha unión de feito.