FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO B1- B2- B3- B4 - B5. DEDUCIÓNS AUTONÓMICAS > ARAGÓN

POLO NACEMENTO OU ADOPCIÓN DO TERCEIRO FILLO OU SUCESIVOS, OU DO SEGUNDO FILLO, SE ESTE OU O PRIMEIRO FILLO É PERSOA CON DISCAPACIDADE (art. 110.2 e 110.3 do Real decreto lexislativo1/2005, modif. Lei 8/2007)

 

1 - O nacemento ou adopción do terceiro fillo ou sucesivos outorgará o dereito á seguinte dedución:

 

a) A dedución será de 500 euros por cada nacemento ou adopción do terceiro ou sucesivos fillos e aplicarase unicamente no período impositivo no que o dito nacemento ou adopción se produza.

b) Non obstante, a dedución será de 600 euros cando a suma da base impoñible xeral e a base impoñible do aforro, menos o mínimo do contribuínte e o mínimo por descendentes, non sexa superior a 35.000 euros en declaración conxunta e 21.000 euros en declaración individual.

c) A dedución corresponderalle ao contribuínte con quen convivan os fillos que dean dereito á dedución. Se conviven con máis dun contribuínte e estes practican declaración individual, o importe da dedución ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.

 

2 - O nacemento ou adopción do segundo fillo, cando este ou o primeiro fillo nacido ou adoptado presenten un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, outorgará o dereito a unha dedución nos mesmos termos ca os establecidos no parágrafo anterior. O grao de discapacidade que dá dereito á presente dedución deberá estar referido á data de xeración do imposto e recoñecido mediante resolución expedida polo órgano competente en materia de servizos sociais.

 

Forma de cubrir

 

En caso de matrimonio, se ambos os cónxuxes teñen dereito á dedución, deberá indicar no recadro "Comúns" o número de fillos nacidos ou adoptados no ano.

 

Noutro caso, o número de fillos nacidos ou adoptados no ano reflectirase no recadro “Do titular”. Neste suposto deberá cubrir, adicionalmente, o número de persoas que teñen dereito a aplicar a dedución con respecto a eses fillos, reflectindo nel un 1 se o dereito á dedución corresponde só ao contribuínte ou un 2 se hai dous proxenitores con dereito a esta.