Polas cantidades destinadas durante o período impositivo á custodia non ocasional en garderías e centros de primeiro ciclo de educación infantil de fillos menores de 3 anos: o 15 por 100 das cantidades satisfeitas, cun límite de 270 euros por cada fillo menor de 3 anos inscrito nas ditas garderías ou centros de educación infantil.
En tributación conxunta, o límite máximo da dedución para cada un dos proxenitores será de 270 euros por cada fillo.
Requisitos
- Que os pais que convivan co menor desenvolvan actividades por conta propia ou allea polas que perciban rendementos do traballo ou de actividades económicas. Se un dos pais realiza as ditas actividades soamente durante unha parte do ano, a dedución aplicarase polas cantidades satisfeitas no período de tempo no que ambos os cónxuxes realizan actividades por conta propia ou allea.
- Que a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro non sexa superior a 25.000 euros, en tributación individual, ou a 40.000 euros, en tributación conxunta.
- O límite desta dedución ratearase polo número de días do período impositivo en que o fillo sexa menor de 3 anos.
Cando dous contribuíntes teñan dereito á aplicación desta dedución por un mesmo fillo, o seu límite ratearase entre eles por partes iguais.
LÍMITE DA DEDUCIÓN
O importe íntegro da dedución só será aplicable aos contribuíntes cuxa suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro sexa inferior a 23.000 euros en tributación individual, ou inferior a 37.000 euros en tributación conxunta.
Cando a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro estea comprendida entre 23.000 e 25.000 euros en tributación individual, ou entre 37.000 e 40.000 euros en tributación conxunta, os importes e límites de dedución serán os seguintes:
a) En tributación individual, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 2000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 23.000).
b) En tributación conxunta, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 3000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 37.000).
Forma de cubrir
Indicaranse cantidades que satisfixese por cada fillo que orixine o dereito á dedución.
Así mesmo, se o fillo cumpriu tres anos durante o exercicio, deberá indicar o número de días transcorridos ata a data en que cumpriu os tres anos.
En caso de matrimonio, e se o importe satisfeito corresponde aos cónxuxes por partes iguais, indicarase o 50 por 100 da contía total satisfeita.