PLANS INDIVIDUAIS DE AFORRO SISTEMÁTICO (DA terceira da lei)
Configúranse como contratos realizados con entidades aseguradoras para constituír cos recursos achegados unha renda vitalicia asegurada.
Requisitos:
1. Instrumentaranse a través de seguros individuais de vida nos que o contratante, asegurado e beneficiario sexa o propio contribuínte.
2. A renda vitalicia constituirase cos dereitos económicos procedentes dos ditos seguros de vida.
3. No caso de anticipación, total ou parcial, dos dereitos económicos derivados da renda vitalicia constituída, o contribuínte deberá integrar no período impositivo no que se produza a anticipación a renda que estivo exenta por aplicación do disposto na alínea v) do artigo 7 desta lei.
4. Os seguros de vida aptos para esta fórmula contractual non serán os seguros colectivos que instrumentan compromisos por pensións conforme a disposición adicional primeira do texto refundido da Lei de regulación dos plans e fondos de pensións, nin os instrumentos de previsión social que reducen a base impoñible do imposto.
5. No condicionado do contrato farase constar de forma expresa e destacada que se trata dun plan de aforro individual sistemático e as súas siglas quedan reservadas aos contratos que cumpran estes requisitos.
6. A primeira prima satisfeita deberá ter unha antigüidade superior a dez anos no momento da constitución da renda vitalicia.
Límites:
O límite máximo anual satisfeito en concepto de primas a este tipo de contratos será de 8.000 euros e será independente dos límites de achegas de sistemas de previsión social. Así mesmo, o importe total das primas acumuladas nestes contratos non poderá superar a contía total de 240.000 euros por contribuínte.
Tributación:
A renda vitalicia que se perciba tributará como capital mobiliario aplicando as porcentaxes das rendas vitalicias inmediatas.