PLANS DE PREVISIÓN ASEGURADOS (art. 51.3 da lei e 49 do regulamento)
Reducirán a base impoñible as primas satisfeitas aos plans de previsión asegurados.
Indicaranse as primas satisfeitas a estes contratos de seguros cando cumpran os seguintes requisitos:
a) O contribuínte deberá ser o tomador, asegurado e beneficiario. Non obstante, no caso de falecemento, poderá xerar dereito ás prestacións nos termos previstos no Real decreto lexislativo 1/2002, polo que se aproba o texto refundido da Lei de regulación dos plans e fondos de pensións.
b) As continxencias cubertas deberán ser, unicamente, as previstas no artigo 8.6 do Real decreto lexislativo 1/2002 e deberán ter como cobertura principal a da xubilación. Para estes efectos, entenderase que a cobertura principal é a xubilación cando se verifique a condición de que o valor da provisión matemática para xubilación e dependencia alcanzadas ao final de cada anualidade representen, polo menos, o triplo da suma das primas pagadas desde o inicio do plan para o capital de falecemento e invalidez.
c) Só se permitirá a disposición anticipada, total ou parcial, nos supostos previstos na normativa dos plans de pensións.
d) Estes contratos de seguro terán obrigatoriamente que ofrecer unha garantía de xuro e utilizar técnicas actuariais.
e) Deberá constar expresamente e de forma destacada no condicionado da póliza que se trata dun plan de previsión asegurado. A denominación plan de previsión asegurado e as súas siglas quedan reservadas aos contratos de seguro que cumpran estes requisitos.