PERSOAL NON ASALARIADO

 

Persoal non asalariado é o empresario.

Tamén terán esta consideración o seu cónxuxe e os fillos menores que con el convivan, cando, traballando efectivamente na actividade, non teñan a consideración de persoal asalariado.

 

 

CÓMPUTO DO PERSOAL NON ASALARIADO

 

a)   Empresario

 

Como regra xeral, o empresario computarase como unha persoa non asalariada (1.800 horas). Naqueles supostos en que se poida acreditar unha dedicación inferior a 1.800 horas/ano por causas obxectivas tales como xubilación, incapacidade, pluralidade de actividades ou peche temporal da explotación, computarase o tempo efectivo dedicado á actividade.

 

Nestes casos, para a cuantificación das tarefas de dirección, organización e planificación da actividade e, en xeral, as inherentes á titularidade desta, computarase o empresario en 450 horas/ano, salvo cando se acredite unha dedicación efectiva superior ou inferior.

 

O persoal non asalariado cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % computarase ao 75 por 100.

 

b)   Cónxuxe e fillos menores

 

Cando o cónxuxe ou os fillos menores teñan a consideración de persoal non asalariado, computarase como unha persoa non asalariada a que traballe na actividade polo menos 1.800 horas/ano. Se o número de horas de traballo no ano foi inferior, estimarase como contía da persoa non asalariada a proporción existente entre o número de horas efectivamente traballadas no ano e 1.800. Cando exista un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, computaranse ao 75 por 100.

 

Sempre que o titular da actividade se compute por enteiro (antes de aplicar, se é o caso, a redución por discapacidade) e non haxa máis dunha persoa asalariada, o programa computará o cónxuxe e os fillos menores que teñan a condición de non asalariados, ao 50 por 100. Esta redución practicarase, se é o caso, despois de ter aplicado a correspondente por grao de discapacidade en grao igual ou superior ao 33 por 100.

 

 

FORMA DE CUBRIR

 

Faranse constar as horas traballadas durante o ano polas persoas non asalariadas, segundo o detalle que aparece na pantalla.

 

Por cada persoa non asalariada computaranse como máximo 1.800 horas/ano.