PERSOAL DESTINADO NO ESTRANXEIRO (art. 9.a.3.b) do regulamento)
Nestes supostos non se esixe o requisito de que o desprazamento e permanencia non sexa por un período continuado superior a nove meses.
Así mesmo, a contía das axudas de custo exceptuadas de gravame nestes casos é incompatible coa exención para os rendementos percibidos por traballos realizados no estranxeiro, prevista no artigo 6 do Regulamento do imposto.
A) FUNCIONARIOS PÚBLICOS ESPAÑOIS CON DESTINO NO ESTRANXEIRO
Terá a consideración de axuda de custo exceptuada de gravame o exceso que perciban sobre as retribucións totais que obterían no suposto de se encontraren destinados en España, como consecuencia da aplicación dos módulos e da percepción das indemnizacións previstas nos artigos 4, 5 e 6 do Real decreto 6/1995, do 13 de xaneiro, polo que se regula o réxime de retribucións dos funcionarios destinados no estranxeiro, e calculando o dito exceso na forma prevista no dito real decreto, e a indemnización prevista no artigo 25.1 e 2 do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo.
B) PERSOAL AO SERVIZO DA ADMINISTRACIÓN DO ESTADO CON DESTINO NO ESTRANXEIRO
Terá a consideración de axuda de custo exceptuada de gravame o exceso que perciba sobre as retribucións totais que obtería por soldos, trienios, complementos ou incentivos, no suposto de encontrarse destinado en España. Para estes efectos, o órgano competente en materia retributiva acordará as equiparacións retributivas que lle poderían corresponder ao dito persoal se estivese destinado en España.
C) FUNCIONARIOS E PERSOAL AO SERVIZO DOUTRAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS
Terá a consideración de axuda de custo exceptuada de gravame o exceso percibido polos funcionarios e o persoal ao servizo doutras administracións públicas, na medida en que teñan a mesma finalidade ca os establecidos nos artigos 4, 5 e 6 do Real decreto 6/1995, do 13 de xaneiro, polo que se regula o réxime de retribucións dos funcionarios destinados no estranxeiro ou non exceda das equiparacións retributivas, respectivamente.
D) EMPREGADOS DE EMPRESAS CON DESTINO NO ESTRANXEIRO
Terá a consideración de axuda de custo exceptuada de gravame o exceso que perciban sobre as retribucións totais que obterían por soldos, xornais, antigüidade, pagas extraordinarias, incluso a de beneficios, axuda familiar ou calquera outro concepto, por razón de cargo, emprego, categoría ou profesión no suposto de se encontraren destinados en España.